A quenda de oficio mobilízase "por un exercicio da Avogacía digno"
Por Natalia Puga
"Por un exercicio da Avogacía digno". Con este lema, avogados de Pontevedra que exercen na quenda de oficio saíron á rúa este mércores con concentracións ante os xulgados da cidade e de Vilagarcía. As protestas coincidiron coa conmemoración, como cada 12 de xullo, do Día da Xustiza Gratuíta e a Quenda de Oficio.
A concentración, similar á realizada noutras cidades, coincidiu coa folga de avogados de oficio convocada polo sindicato Venia e coa aprobación unánime no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei impulsada polo PP pedindo ao Goberno a reforma da lei de asistencia xurídica gratuíta para atender as demandas dos avogados da quenda de oficio, que reclaman unha revisión das tarifas e medidas que favorezan a conciliación coa vida persoal e familiar.
Durante a protesta ante o edificio xudicial da Parda, leron un manifesto no que lembraron que se trata "unha mobilización da Avogacía sen precedentes", á que tamén está chamada a Procura, porque as súas reclamacións son comúns.
En Galicia, e por primeira vez na historia da Avogacía e da quenda de oficio, avogados e avogadas da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e Pontevedra exerceron o dereito á folga garantindo os servizo mínimos, para a defensa do que "dereitos fundamentais básicos".
Eses dereitos reclamados son a dignificación da profesión, remuneracións dignas e xubilacións dignas.
"Xa se acabou que a avogacía e resto de profesionais sexamos os eternos esquecidos, estamos a mobilizarnos con afán de permanencia. Isto xa é imparable", sinalaron no seu manifesto, no que concluíron asegurando "xa esta ben de defender a terceiros e non, a nós mesmos. Pódese e ímolo a conseguir".
Relacionadas:
-
A Plataforma Dignidade da Avogacía de Pontevedra traslada as súas reivindicacións ao subdelegado do Goberno
Por Oskar Viéitez |
-
A quenda de oficio mantén a folga e estuda novas vías de protesta
Por Oskar Viéitez |
-
O Colexio de Avogados de Pontevedra apoia o dereito á folga da quenda de oficio
Por Natalia Puga |
-
Folga indefinida dos avogados da quenda de oficio: "Somos unos esclavos"
Por Oskar Viéitez |
-
Concentración de avogados para reivindicar un pacto pola xustiza: "Hai moitos traballos que non cobramos"
Por Anxo Lourido |
-
O 4,6% dos servizos de xustiza gratuíta son para atender a casos de violencia de xénero
Por Natalia Puga |