Sabela Bará (BNG): "A administración do Estado segue a poñer obstáculos ao uso con normalidade do noso idioma"
Por Redacción
A política lingüística e a defensa da lingua galega foi a protagonista este xoves do acto electoral organizado polo BNG en Pontevedra. Sabela Bará, candidata do BNG ao Congreso, defendeu na praza da Peregrina que "a normalización lingüística debe ser un obxectivo prioritario de todas as administracións públicas, incluída a do Estado".
Nun acto no que a acompañaron cargos do partido como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira Eva Vilaverde, Bará lembrou que, "non obstante", a administración do Estado "segue a poñer obstáculos ao uso con normalidade do noso idioma".
Seguindo con un dos eixos da campaña do BNG para as eleccións xerais, Sabela Bará defendeu a necesidade de que o seu partido conte cun grupo forte no Congreso. Neste eido, "traballará por asegurar a plena normalización da lingua galega e garantir os plenos dereitos lingüísticos de toda a cidadanía".
"Impulsaremos a difusión das producións culturais e audiovisuais en galego na televisión pública estatal e o incremento da liña específica de axudas do Ministerio de Cultura", sinalou Bará, que avanzou a intención do BNG de promover o estudo do idioma galego noutros territorios do Estado.
Sabela Bará, docente de profesión, tamén sinalou que, no que ten que ver co ensino, "o BNG ten no centro das súas políticas a educación, ao ser un piar básico para construír unha sociedade xusta e igualitaria".
Atendendo á realidade económica, social, cultural e lingüística de Galicia, a candidata defende que é preciso un marco político propio, tamén no ensino, no que se poida decidir sobre a planificación do sistema educativo.
Así, avanzou que o BNG promoverá un modelo educativo que se fundamente no dereito universal á educación de todas as persoas de 0 a 18 anos. "Un ensino que sexa público, galego e gratuíto", afirmou Sabela Bará.
Relacionadas:
-
Carme da Silva repetirá como cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Lores afirma que "se os inimigos do feminismo chegan ao poder, volverán a poñer o nome do rei emérito no rueiro"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A plataforma Queremos Galego sairá á rúa o 17 de maio para reclamar o uso da lingua galega
Por Redacción & Juan Manuel García Tajes |