Un home de 50 anos falece en Montalvo ao caerlle enriba o coche que reparaba
Por Redacción
Un home, veciño de Pontevedra, perdía a vida na tarde deste xoves 13 de xullo cando se atopaba traballando nos baixos do seu coche na súa vivenda en Montalvo, en Sanxenxo.
O suceso producíase ao redor das 17.30 horas cando o home se atopaba arranxando o seu coche. Nese momento, falloulle o gato que sostiña ao turismo e o home falecía como consecuencia das diferentes lesións que lle provocaron ao impactar o vehículo contra o seu corpo.
O home atopábase baixo o coche e os particulares que alertaron ao 112 Galicia sinalaron que non conseguían liberalo.
Ao lugar desprazábase unha ambulancia, servizos de Emerxencias e a Policía Local de Sanxenxo. Inicialmente solicitouse a intervención do helicóptero medicalizado con base en Santiago, pero unha vez confirmada a morte do home de 50 anos de idade, anulouse o traslado.
Informouse desde o 112 Galicia ao persoal do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio ao menor, fillo da vítima, que se atopaba no lugar onde se produciu o accidente.
EVACUADA UNHA PERSOA EN VILANOVA DE AROUSA
Tamén esta tarde producíase unha saída de vía na PO-303, antes da ponte da Illa de Arousa, no municipio de Vilanova de Arousa.
Un particular alertaba ao 112 Galicia indicando que había unha persoa no interior do vehículo á que non podía axudar a que saíse. Advertía, ademais, de que o coche corría perigo de comezar a arder.
Tratábase dunha colisión frontolateral e os Bombeiros, desprazados ata a zona, confirmaron que non foi preciso o uso de material de excarceración para liberar á persoa do interior do turismo. Atopábase consciente e foi evacuada polos profesionais sanitarios en ambulancia.
O coche non chegou a arder. Con todo, outro vehículo implicado no accidente si se incendio pero as lapas apagáronse sen ser necesarios outros medios de extinción, segundo informa o 112 Galicia.