Mercado ambulante na Alameda: "Ay, aprovechen hoy para comprar, que nos echan de aquí"
Por Anxo Lourido
Unha pancarta vermella na entrada da Alameda fai un chamamento ao alcalde de Pontevedra: "Lores escoita. Os Ambulantes estamos en loita. Ubicación definitiva: Alameda". A poucos metros, dous maniquís co letreiro "feirantes" sosteñen outra pancarta na que se reivindica o seu traballo: "no somos basura".
En cada posto, os vendedores convidan á clientela para asinar o documento en que se reclama ao goberno local a permanencia na Alameda. E é que este sábado será o último, polo menos este verán se non se producen novidades, en que permanezan nesta localización. O vindeiro sábado retornarán á rúa Rafael Areses, nas inmediacións ao Pazo da Cultura.
Juan Carlos Tizón, portavoz da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, explica o motivo da campaña: "queremos as firmas porque o mercado en todas as cidades de España está no centro e Pontevedra é especial e non nos queren", laméntase ao referirse ao goberno local de Fernández Lores.
"Pagamos os nosos impostos como todo o mundo. Para pagar somos o número un, pero se nos dan unha localización como Rafael Areses onde estamos a perder diñeiro, non merece a pena", explica este representante dos vendedores.
Indica que detectan unha diferenza económica importante entre as dúas localizacións: "é como o día e a noite. Alí perdemos diñeiro e aquí dáche para pagar os impostos, aínda que só sexa para iso. O que queremos é vivir, non sobrevivir".
Sobre a proposta do alcalde de Pontevedra de buscar unha solución consensuada, Tizón expón: "O que nos preguntamos é: por que aquí non?". Asegura que están dispostos a trasladarse a outro espazo, xa sexa Campolongo ou outro que decidan, con motivo das festas da Peregrina ou outros actos similares, pero insisten en que "queremos que o definitivo sexa que quede aquí, na zona da Alameda".
Unha clienta achégase ao posto e asina o documento de apoio aos ambulantes. "Non é cousa só dos vendedores. É que o público tamén o demanda", afirma Tizón.
Moi preto, unha vendedora berra a súa clientela: "Ay, aprovechen hoy a comprar, que nos echan de aquí". Os feirantes recoñecen que aos seus potenciais compradores lles custa cruzar a ponte para achegarse ata a zona da Xunqueira.
Ante esta situación, o colectivo de ambulantes advirte de que se a súa petición non é atendida polo goberno local iniciarán unha campaña máis intensa de protestas porque a súa idea se basea en que, en abril cando chegaron á Alameda, ían quedar de maneira permanente e defenderán esa proposta, impulsada pola entón concelleira responsable de Mercados, a socialista Yoya Blanco, ata as últimas consecuencias.