Condenado un home que pretendía conducir borracho e golpeou e insultou os policías que trataban de impedirllo
Por Natalia Puga
Nove meses de multa, un ano de prisión e dous anos e medio sen poder conducir. É a condena que deberá cumprir un home que en outubro de 2020 protagonizou un altercado en Marín mentres ía bébedo. Pretendía conducir o seu vehículo, negouse a realizar a proba de alcoholemia e encarouse cos policías que acudiron ao lugar.
Todo ocorreu sobre as 20:45 horas do 16 de outubro de 2020, cando o acusado conducía un Renault Megane nas inmediacións do bar San Xián da rúa Carballal de Marín despois de inxerir bebidas alcohólicas "en cantidade tal que iso lle imposibilitaban para realizar unha correcta condución".
Un viandante detectou esta situación cando o acusado tiña o vehículo encima da beirarrúa e realizaba aceleróns en baleiro, de modo que deu aviso á Policía "para evitar que o acusado collese o coche en tal estado de embriaguez".
Acudiron primeiro dous axentes da Policía Nacional, que advertiron que presentaba síntomas de acharse afectado polo alcol. Un deles achegouse ao vehículo e ordenoulle ao acusado que o estacionase.
A continuación, deron aviso á Policía Local para realizarlle a proba de alcoholemia, pero el negouse, baixouse do vehículo e comezou a ameazar e insultar aos policías.
Cando chegaron os axentes da Policía Local, "encarouse con todos eles" e, nun momento dado, "con ánimo de menoscabar o principio de autoridade", deulle un empuxón a un e alzouna a man para golpear a outro.
Nese momento foi detido e, a pesar de que os policías lle pediron varias veces que realizase as probas de alcoholemia, negouse.
O home foi condenado inicialmente polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e recorreu, pero a sección cuarta da Audiencia Provincial acaba de confirmar a condena.
A sentenza considéralle autor de dous delitos seguridade viaria, un por condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e outro por negativa a realizarse as probas, e un terceiro delito de atentado.