4.000 prazas dispoñibles para visitar con guía o Parque Nacional das Illas Atlánticas este verán
Por Redacción
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrece este verán 350 rutas guiadas cun número aproximado de 4.000 prazas para que as persoas interesadas coñezan a natureza e historia desta contorna natural.
As rutas realizaranse en grupos reducidos. No caso de Cíes e Ons, os visitantes poderán apuntarse de forma presencial nas casetas de información que permanecen nas propias illas. Estas visitas con guía realizarase a diario ata o 15 de setembro.
Tamén se ofrecerá a opción a través da central de reservas con 250 prazas para asistir a algunha das excursións organizadas todos os mércores ás 12.00 horas durante os meses de xullo e agosto no caso de Cíes, e durante os xoves en Ons, á mesma hora, segundo informa a Xunta de Galicia.
En canto ás rutas guiadas polos arquipélagos de Cortegada e Sálvora só permitirase a opción de reservar a través da páxina web.
En Cortegada ofrécense seis visitas todos os domingos, desde o 23 de xullo ata o 27 de agosto. para Sálvora tamén serán 6 roteiros, cada luns desde o 24 de xullo ata o 28 de agosto. Os grupos estarán formados por un máximo de 15 persoas. O número de prazas total é de 154.
As reservas a estas visitas a Sálvora e Cortegada deberán facerse ata o xoves anterior á excursión. No caso de Cíes e Ons, ata 24 horas antes de realizar a ruta para as reservas en liña ou no mesmo día no caso de que se faga presencialmente.
Todas as rutas son gratuítas, pero os visitantes deberán facerse cargo do traslado ata a correspondente illa.