Unha decena de voluntarios realiza labores ambientais na illa de Cortegada
Por Redacción
A illa de Cortegada, que forma parte do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acolleu este domingo a 10 participantes no programa de voluntariado interxeracional impulsado pola Xunta en espazos naturais galegos.
Esta iniciativa ten como fin promover o respecto e a protección do patrimonio natural a través de diferentes accións de carácter ambiental.
Trátase dunha das 32 intervencións programadas no marco da terceira edición desta iniciativa, impulsada de forma conxunta pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Política Social e Xuventude.
Nesta ocasión ofertáronse 434 prazas, que se esgotaron rapidamente ao igual que nos anos anteriores, unha acollida que reflicte o interese e a implicación cada vez maior da cidadanía por participar neste tipo de accións e achegarse á natureza de modo diferente.
En concreto, os 10 voluntarios chegaron o sábado a Vilagarcía, onde recibiron as primeiras instrucións por parte dos monitores que os acompañarán durante a fin de semana e pasaron a noite antes de saír rumbo a Cortegada a primeira hora de mañá.
Unha vez na illa e co apoio e supervisión dos técnicos do Parque Nacional en todo momento, os participantes realizaron un amplo abano de actuacións medioambientais entre as que figuran a eliminación de especies alóctonas; a limpeza da praia de Sartaxéns e da súa contorna; a retirada de lixo mariño; a realización de tarefas de mantemento, reparación e adecuación de camiños e sinais, etc.
Ademais, interviron no acondicionamento da contorna dunha pequena edificación co fin de poder consolidar o seu uso para depositar e gardar o lixo recollido antes do seu traslado e tratamento fóra da illa.
Nesta edición, o Parque Nacional das Illas Atlánticas acollerá 8 das 32 accións de voluntariado ambiental programadas, con dúas quendas previstas en cada un dos catro arquipélagos. No caso concreto de Cortegada, outras 10 persoas desenvolverán labores de carácter medioambiental na illa durante a fin de semana do 15 ao 17 de setembro.
Relacionadas:
-
"Illas das Marabillas", un xogo de mesa que explora o tesouro das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada
Por Oskar Viéitez |
-
Sae a licitación por 600.000 euros a restauración da capela de Cortegada
Por Redacción |
-
4.000 prazas dispoñibles para visitar con guía o Parque Nacional das Illas Atlánticas este verán
Por Redacción |
-
A Xunta restaurará a capela da illa de Cortegada
Por Oskar Viéitez |
-
Retiran máis de 260 quilos de residuos das praias de Cortegada
Por Redacción |