O Concello busca abrir unha "nova etapa" e manter unha relación "fluída" cos sindicatos
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal parece estar decidido a desbloquear a negociacións cos sindicatos que representan aos traballadores do Concello. Así se desprende, polo menos, da xuntanza que mantivo este luns o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cos representantes sindicais.
"Tratouse dun primeiro contacto para informarlles de que estamos xa nunha nova etapa na que queremos que haxa unha relación fluída entre os sindicatos e o Concello", explicou Fernández Lores tras a xuntanza, á que rexeitou acudir o sindicato Comisións Obreiras.
Así, a idea deste diálogo é poder debater no futuro as cuestións que demanden, "sempre co criterio de mellorar a administración municipal na medida do posible", dixo o alcalde.
Lores cre que se isto se cumpre "desde logo que nos imos atopar ao longo das conversas que veñan", xa que considera "fundamental" que haxa colaboración entre ambas partes en beneficio da cidadanía e do funcionamento dos servizos públicos.
"Queremos que haxa negociacións e que sexan unhas negociacións formais e con comprensión mutua", sentenciou o alcalde.
CC.OO, a través dun comunicado, explicou que optou por non acudir a esta xuntanza ante a actitude de "ninguneo e desprezo" cara aos representantes sindicais do Concello, acusando ao goberno municipal de non practicar o diálogo social e vulnerar o dereito á negociación colectiva.
XUNTANZA CON AMENCER
Ademais deste encontro cos sindicatos, o alcalde mantivo tamén unha xuntanza coa asociación Amencer, dentro do marco de entrevistas que está a manter con todos os axentes sociais, económicos e culturais da cidade para coñecer as súas demandas.
O obxectivo de ambas partes foi o de avanzar na procura dunha Pontevedra "cada vez máis inclusiva", de forma que a cidade "poida acoller e atender as persoas que máis o necesitan", subliñou Fernández Lores.
A este respecto, recordou o investimento realizado no Centro Sur para crear unha residencia para persoas con parálise cerebral, instalacións que o goberno municipal agarda que se poñan en funcionamiento "o antes posible" a través dun convenio coa Xunta.