O BNG reclama que Galicia defina a súas infraestruturas e que "non se pensen desde Madrid"
Por Alejandro Espiño
O ferrocarril é, para o BNG, o "gran modo de mobilidade" polo que ten que apostar Galicia "non só no futuro, senón no presente". Pero para iso, segundo a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, hai que mudar a rede actual "deseñada no século XIX".
Este foi o tema de análise na xuntanza que Da Silva mantivo cos alcaldes de Pontevedra, Barro e Soutomaior e con edís do BNG de Caldas de Reis, Poio, Cuntis e Pontecesures.
"Falar de infraestruturas e falar de futuro, do futuro que queremos para a comarca de Pontevedra e para este país", subliñou a candidata nacionalista, que defendeu que "temos que ter un mellor transporte ferroviario" para combater, entre outras cousas, a emerxencia climática.
Explicou Carme da Silva que a "inmensa maioría" da xente nova, de teren a alternativa de ir en ferrocarril, "non vai utilizar nin vehículo privado nin outros medios de transporte".
Pero a pesar disto, unha área tan poboada como Pontevedra-Vigo non está conectada a través dun tren de proximidade "por pura decisión política", xa que recordou que hai áreas no Estado menos poboadas que si teñen ese tren.
Ademais, Da Silva apuntou que a industria galega precisa dun tren de mercadorías "que nos conecte con Portugal e que conecte os portos", o modo de transporte "máis adecuado" para propiciar un desenvolvemento económico potente.
A isto sumou a "estafa "que sigue a ser a AP-9, a pesar da rebaixa lograda nesta lexislatura, ou a necesaria intervención noutras vías de Fomento que atravesan a comarca de Pontevedra, como a N-550, que ten unha "carga elevadísima" de tráfico como alternativa á autoestrada.
A candidata do BNG fixo fincapé en que deben ser os galegos os que digan e definan que necesidades teñen nas comunicacións, xa que "se se pensan desde Madrid, as comunicacións ferroviarias preferentes non van ser as de Galicia".
"Hai que ter dignidade, orgullo, esperanza e ilusión. Se nos deixan de discriminar temos un futuro enorme por diante. É preciso un voto con rebeldía entre a xente moza que non quere nin un paso atrás", sentenciou a dirixente nacionalista.