Poio celebrará o Día de Galicia cun acto institucional en Vilariño
Por Redacción
Vilariño será o lugar que acolla o acto institucional co que o Concello de Poio quere conmemorar o Día de Galicia. Será o martes 25 de xullo, ás oito da tarde.
"Este 25 de xullo imos celebrar xuntos o que nos une a todos: o orgullo de ser galegos de Poio", destacou o alcalde, Ángel Moldes, que explicou que esta festa cambiará de ubicación cada ano para poñer en valor os lugares do municipio "que simbolizan a esencia galega".
No caso de Vilariño, segundo expresou Moldes, "é unha xoia do noso patrimonio material e humano que xunta tradición e futuro, familias arraigadas desde séculos e veciños que veñen e fan novas achegas: un lugar plural e diverso pero cunha historia e un proxecto compartido".
Durante o acto intervirán representantes do goberno local e farase entrega de bandeiras de Galicia ás asociacións de nova creación no Concello e aos particulares e colectivos que o soliciten no correo alcaldia@concellopoio.gal ou a través do teléfono 986 770 001
A celebración institucional tamén dará protagonismo á cultura e ao talento locais, con concertos e representacións e rematará coa interpretación do himno galego.
Este ano a ambientación musical correrá a cargo da Escola de Acordeóns de Campelo, dirixida por Juan José Mariño, que se unirá ao vocalista Yago Martínez, veciño de San Xoán e vocalista do conxunto Azabache, para interpretar Os Pinos.
O alcalde chamou a participar a toda a veciñanza e destacou o formato elixido para conmemorar o 25 de xullo, que será un acto "no que caiban e se sentan cómodos todos, un punto de encontro, aberto, vivo e orgulloso do propio".