O polígono de Tomonde e a aldea modelo de Parada, exemplos de recuperación de terras agrarias
Por Redacción
A Xunta de Galicia mobilizou xa preto de 9.000 hectáreas de terreos agrarios que estaban en situación de abandono a través dos polígonos agroforestais, un dos instrumentos que impulsa a lei de recuperación de terra agraria en Galicia.
Así o destacou este mércores o conselleiro de Medio Rural, José González, nunha visita a Cerdedo-Cotobade, onde se atopa un destes polígonos.
Galicia conta cun total de 23 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases de desenvolvemento, distribuídos nunhas 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños.
O de Cerdedo-Cotobade, un dos tres que hai na provincia de Pontevedra, contempla unha superficie de case 68 hectáreas repartidas en 1.534 parcelas propiedade de 278 veciños e o seu principal uso será a produción de mazá de sidra.
Ademais, nesta provincia están tamén os polígonos de Mandelos (Crecente) e de Panascos (Tomiño), ata un total de preto de 235 hectáreas.
O titular de Medio Rural puxo en valor este tipo de figuras, coas que se consegue recuperar terra abandonada ou infrautilizada "de forma sostible", creando actividade agrogandeira, fixando poboación e "anticipándonos aos incendios forestais".
A mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e a administración controlará en todo momento o acaparamiento de terras, con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.
A lei establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.
Xunto a estes 23 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, unha delas tamén en Cerdedo-Cotobade, en Mouteira-Parada.
Esta aldea conta cunha superficie de case 18 hectáreas ao redor do núcleo para dinamizar repartidas en 427 parcelas de 109 propietarios e o seu uso principal perfílase para a gandería en extensivo e a plantación de árbores para a obtención de froito.
A maiores destes proxectos, Medio Rural activou unha liña de axudas de dous millóns de euros para levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais.
O Concello de Cerdedo-Cotobade foi beneficiario de dúas subvencións, unha delas para crear beirarrúas na aldea, mellorar a mobilidade das persoas con mobilidade reducida e instalar unha rede de recollida e drenaxe de pluviais.
A segunda achega será para a creación dunha pequena praza empedrada e con bancos na entrada da igrexa e do cemiterio de San Pedro de Parada.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade acolle unha xornada sobre comunidades enerxéticas baseadas en biomasa
Por Redacción |
-
Medio Rural destinará 49.000 euros á construción dunha praza pública en San Pedro de Parada
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo de Mouteira-Parada
Por Oskar Viéitez |
-
Declaran de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde
Por Redacción |
-
A aldea modelo de Mouteira-Parada e o polígono agroforestal recuperarán preto de 90 hectáreas de terras agrarias
Por Redacción |