A Deputación de Luís López constitúe a súa xunta de goberno e avaliará as contas públicas
Por Manu Otero & Cristina Saiz
A Deputación de Pontevedra celebrou este venres a primeira xunta de goberno do novo mandato. Un trámite que cobra maior relevancia do habitual polo cambio de partido no executivo provincial. O presidente da Deputación, Luís López, compareceu esta mañá diante dos medios de comunicación para informar sobre os nomes que compoñen o equipo de dirixentes e avanzar as súas primeiras decisións como máximo responsable do ente provincial.
Acompañado polos seus vicepresidentes Marta Fernández Tapias e Rafael Domínguez, López explicou que o primeiro punto da orde do día era o da constitución da xunta de goberno, que está formada por un total dez membros e celebrarase todos os venres ás 11 horas.
Luís López será o encargado de presidir esta xunta, mentres que os seus vicepresidentes exercerán de vogais. O resto de membros son alcaldes e alcaldesas de municipios de todos os recunchos da provincia: María Ramallo (Marín), Jorge Cubela (Cerdedo-Cotobade), Roberto Carrero (A Guarda), Nava Castro (Ponteareas), José Luís López Campos (A Estrada), Alejandro Lorenzo (O Porriño) e Jesús Almuiña (Baiona).
Sobre o funciomiento interno do novo gabinete, puntualizou que a próxima semana dará a coñecer a repartición de áreas de goberno, así como as asignacións económicas aos deputados do executivo.
Así mesmo, os novos portavoces da Deputación son Jorge Cubela e María Ramallo, mentres que o pleno de organización estima que se celebrará no prazo de 8 días hábiles.
Doutra banda, a primeira xunta de goberno do mandato serviu, ademais de para adxudicar máis de 300.000 euros para obras nos concellos de Tomiño, Salceda de Caselas e Covelo; para poñer en marcha unha avaliación interna das contas da institución co obxectivo de coñecer os fondos que restan en cada unha das partidas do orzamento. Un estudo cuxas conclusións compartirán publicamente.
López defendeu que esta decisión busca expoñer "con transparencia e sen valoracións a priori" os recursos dos que dispón a institución para atender ás necesidades dos municipios.
"Creo que os cidadáns de Pontevedra merecen saber os recursos que se investiron e a marxe de manobra do que dispoñemos para executar actuacións ata a aprobación do próximo orzamento", subliñou o presidente provincial, que reiterou que "estamos para servir e mellorar a vida de todos os pontevedreses", como marca do inicio desta nova era na Deputación.