O PSOE confía en que a "forza da democracia" desfará a campaña de odio do PP contra Sánchez
Por Redacción & Cristina Saiz
Ao pé da Praza da Ferrería concluíu este venres a campaña do PSdeG-PSOE para as eleccións xerais deste domingo. Os socialistas confían en que a "forza da democracia" que se despregará por todo o país desfaga a campaña de odio "orquestrada" polo PP contra Pedro Sánchez.
Así o destacou na súa intervención o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que afirmou que a xente progresista ten na cara "o sorriso do triunfo" porque considera que "saben que imos gañar estas eleccións porque temos a razón" e Sánchez é "o mellor presidente da democracia".
Na súa intervención, afirmou que en España hoxe "van coñecendo ben a Feijóo" e acusouno tanto a él como a Ana Pastor de ter parado o tren de alta velocidade a Madrid "deixándonos cun tren chucuchú" e coas conexións paralizadas ata Porto e Lisboa.
Carmela Silva, candidata socialista ao Senado, defendeu que o próximo domingo "temos que conseguir que Feijóo e Abascal marchen correndo" e volveu recordar a "amizade profunda" do candidato popular con Marcial Dorado "de quen agora di que tan só era un contrabandista".
Neste último mitin de Pontevedra tamén interveu David Regades, o candidato socialista ao Congreso, que incidiu nas infraestruturas subliñando que Ana Pastor "dixo non" a todos os proxectos de Pontevedra, a diferenza do que fixo Pedro Sánchez, entre outros, co Nó de Bombeiros.
Por último, o portavoz do PSOE en Pontevedra, Iván Puentes, subliñou que para conseguir investimentos para esta cidade "non chamamos nin a Rueda, nin a Néstor Rego, senón á xente do PSOE".
Relacionadas:
-
Os socialistas estarán "vixiantes" para que Pontevedra non perda os 25 millóns prometidos por Transición Ecolóxica
Por Redacción |
-
O PSOE galego esixe a Feijóo que "pida perdón" ás vítimas da droga pola súa relación con Marcial Dorado
Por Redacción |
-
O PSOE fai desde Pontevedra unha chamada ao voto útil "porque estamos xogándonos moito en España"
Por Redacción |