Reflexión para o 23X entre paseos pola natureza e descanso coa familia e amigos
Por Alejandro Espiño
Os políticos, como é habitual o día antes das eleccións, gozaron entre familia e amigos a tradicional xornada de reflexión. No caso dos candidatos por Pontevedra neste 23X, case todos coincidiron optando por pasear pola natureza ou descansar cos seus.
Ana Pastor, candidata do PP ao Congreso por Pontevedra, comezou esta xornada de reflexión facendo un roteiro de sendeirismo a beiras do río Lérez. Tras ese paseo, optou por tomar un café no centro da cidade.
Pasar tempo en familia e en compañía dos seus amigos serán as opcións de lecer elixidas pola dirixente popular para pasar o resto desta xornada de reflexión.
Pola súa banda, a candidata do BNG ao Congreso, Carme da Silva, optou por pasear pola senda fluvial do Gafos, onde aproveitou para fotografar aves, unha das súas afeccións.
Desde alí aproveitou para facer un chamamento á reflexión dos votantes para "que lle dean valor ao seu voto" e participen nas eleccións deste domingo "con esperanza e con alegría" e que todos eses votos sirvan para "facernos valer como país en Madrid".
O resto do día, Da Silva teno pensado pasalo en compañía da súa familia. Ademais, prevé descansar tras a intensa campaña que protagonizou por toda a provincia.
No PSdeG-PSOE, o seu candidato David Regades pasou a xornada en Vigo e a que si se deixou ver pola cidade foi a número 2 ao Congreso, Marica Adrio, que se achegou ata a basílica de Santa María para escoitar a actuacion do Coro do Colexio de Avogados de Pontevedra.
A continuación gozou dunha comida de despedida de tempada cos seus compañeiros do Coro no Bar Fabián de Marín e, xa pola tarde, tiña previsto ir a misa e tomar algo cos amigos.
* NOTA: Esta noticia foi elaborada coa información e declaracións que remitiron a PontevedraViva cada un dos partidos.
Relacionadas:
-
23X | Constituídas as 1.344 mesas electorais dos 61 municipios pontevedreses
Por Alejandro Espiño |
-
23X | A Moncloa busca inquilino e Pontevedra aos seus novos deputados e senadores
Por Redacción |
-
O 95% dos 42.000 pontevedreses que pediron votar por correo exerceron o seu dereito ao voto
Por Redacción |