Tres escolas de Senegal recibirán material escolar do CEIP Vidal Portela e da UNED
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Mesas, cadeiras, pizarras e computadores actualizados. É o material escolar que a UNED mandará desde Pontevedra a diferentes escolas de Senegal.
Todo este equipamento procede do CEIP Vidal Portela e da propia UNED. Recibirano uns 250 alumnos de tres colexios da rexión de Diourbel, situada na zona central do país.
Esta axuda solidaria xorde das sinerxias creadas entre o centro universitario pontevedrés, a Asociación Senegalesa Dahira Touba, a ONG Fuertes Razones e a Navieira Eduardo Vieira.
O coordinador de actividades culturais da UNED, Rafael Cotelo, explicou que esta acción xurdiu "un pouco de casualidade" pola axuda prestada á asociación senegalesa de Pontevedra para almacenar material doado polo CEIP Vidal Portela.
"Ofrecémoslle as nosas instalacións para almacenalo e nese mesmo momento empezamos a traballar a unha maior escala para resolver un grave problema que estaban a padecer tres escolas de Senegal que non tiñan material para acomodar ao seu alumnado", subliñou.
Un contedor con todo este material sairá en breve desde o porto de Vigo e chegará a Senegal por vía marítima, nun barco da navieira Eduardo Vieira que non cobrará polos seus servizos.