Música, cultura e bandeiras para todos para conmemorar "o orgullo de ser galegos de Poio"
Por Redacción
Poio sumouse este martes 25 de xullo á conmemoración do Día de Galicia cun acto institucional a praza de Vilariño no que o alcalde, Ángel Moldes, destacou a esperanza de que o Concello ofreza, nesta nova etapa, "un lugar de encontro e un futuro mellor para todos, como Galicia".
No acto compartiron protagonismo a música e a cultura e Ángel Moldes destacou a aposta do novo Goberno por poñer en valor a cultura, o patrimonio e o talento locais para conmemorar "o orgullo de ser galegos de Poio".
O alcalde tamén destacou a importancia de "conmemorar xuntos a festa dos galegos e das galegas, celebrando o que nos une, non sinalando o que nos separa, nun acto no que caibamos todos, porque nada mellor que iso representa a Poio".
O acto comezou cun concerto da Escola de Acordeóns de Campelo e rematou coa interpretación do Himno Galego a cargo do artista local Yago Martínez e o director da Escola de Acordeóns, Juan Mariño. No medio, como sorpresa, Yago Martínez uniuse á Escola de Acordeóns para interpretar unha peza preparada especialmente para a ocasión: 'A Miña Terra Galega'.
Durante o acto, procedeuse á entrega de bandeiras e un agasallo conmemorativo ás novas entidades inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello, unha decena de colectivos que inclúen colectivos relacionados coa cultura, o deporte e as festas tradicionais de Poio; así como a case 40 particulares que o solicitaron previamente.
A concelleira de Cultura de Poio, Natalia Sabarís, destacou a oportunidade de que o Día de Galicia se celebre en Vilariño, "un lugar que simboliza tan ben a esencia galega do noso concello" e onde a súa familia, como tantas outras do concello, teñen as súas raíces.
Tamén insistiu en que en Poio a cultura "está máis viva que nunca" e puxo como exemplo os artistas locais que participaron no acto: "Son exemplo de talento e paixón polo que fan e expoñentes dun Poio que, como Galicia, está orgulloso do seu e llo ofrece a todos".