Inician a renovación das cubertas e canlóns do CEIP Froebel
Por Anxo Lourido
Xa se iniciaron as obras de renovación de cubertas no colexio CEIP Froebel de Pontevedra, despois da demanda realizada pola ANPA e a comunidade escolar ante a continua entrada de auga de choiva durante os últimos cursos.
César Pérez Ares, xefe territorial de Educación en Pontevedra da Xunta de Galicia, acompañado da xefa da Unidade Técnica achegábase este mércores polas instalacións para comprobar o avance dos traballos.
Técnicos da Consellería de Educación e técnicos municipais realizaran unha análise conxunta sobre o estado do centro para estudar as intervencións co obxectivo de resolver os problemas permanentes de entrada de auga.
Neste estudo acordouse que o Concello acometería a limpeza dos faldóns de cubertas e canlóns para que, a continuación, a Xunta executase a renovación destes elementos.
Segundo indican desde a administración autonómica, repóñense as baixantes da cuberta de patios; ademais de reparar os canlóns que o precisen e os policarbonatos dos lucernarios. Tamén se revisarán as cumbreras da cuberta central e incrementarase a sección das baixantes das cubertas para que recollan mellor a auga procedente da choiva.
Ademais, a Xunta insiste en que mantén o compromiso co Colexio CEIP Froebel e que, na actualidade, ultímase o proxecto para acometer a terceira fase da reforma. Unha vez finalizado comezará o proceso de licitación coa intención de realizar a obra en 2024 cun orzamento estimado dun millón de euros.
Ese traballo, demandado pola comunidade escolar e educativa, supoñerá o cambio das cubertas, renovación de baños, instalación eléctrica e pavimentos.
OBRAS NO IES VALLE-INCLÁN
Pérez Ares tamén se desprazou ao instituto IES Valle-Inclán. Alí comprobou o desenvolvemento das obras conforme á planificación establecida.
Segundo explicou, os traballos están a centrarse durante estes días na demolición dos vestiarios do semisoto do edificio.
A semana pasada, representantes da asociación de nais e pais concentráronse diante do centro para "presionar" á Xunta de Galicia para axilizar as obras, que se manterán ao longo de todo o próximo curso escolar.
Relacionadas:
-
A Xunta anuncia novas obras no CEIP Froebel, EEI Concepción Crespo Rivas, IES A Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento
Por Redacción |
-
O PSOE denuncia que a Xunta non contempla o cambio da cuberta do colexio Froebel nos orzamentos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Volve entrar auga no interior do colexio Froebel, tras un verán de obras no tellado
Por Anxo Lourido |
-
A comunidade educativa concéntrase para saber "para cando?" empezarán as obras do Valle Inclán
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Educación explica á comunidade educativa do Valle Inclán o plan para as obras no instituto
Por Redacción |
-
O mantemento dos colexios públicos comeza coa limpeza da cuberta do Froebel
Por Redacción |
-
Compromiso para acometer este verán traballos de limpeza e tratamento nas cubertas e canlóns do Froebel
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
É unha piscina? Non, é unha nova inundación no patio interior do colexio Froebel tras as fortes chuvias
Por Anxo Lourido |