Unha condutora resulta ferida nun impacto entre dous turismos en Cuntis
Por Anxo Lourido
Ao redor das 08.00 horas deste venres 28 de xullo rexistrábase un accidente entre dous turismos na estrada PO-220 no municipio de Cuntis.
Un vehículo invadía o carril contrario impactando frontolateralmente contra un tursimo que viaxaba en dirección a San Clemente e que era pilotado por unha muller de ao redor de 60 anos.
Alertado o 112 Galicia, inicialmente temíase que a muller se atopase atrapada dentro do turismo. Con todo, o servizo de Protección Civil de Cuntis ao chegar á zona atopouse coa muller ferida liberada, con dor nunha perna, no peito e na cara, neste caso debido ao golpe causado polo airbag ao abrirse.
Unha ambulancia trasladou á muller ao Hospital Domínguez para que fose examinada das diversas contusións. O outro condutor resultou ileso, segundo informan do servizo de Emerxencias de Cuntis. Os dous únicos ocupantes dos vehículos son veciños de Cuntis.
Investíganse as causas do accidente que, segundo os primeiros indicios, están relacionadas cun descoido por parte do condutor que perdeu o control do vehículo saíndose do carril.