A oficina de turismo de Cuntis supera o seu máximo de visitantes durante o mes de xullo
Por Redacción
A oficina de Turismo do Concello de Cuntis detectou un incremento da actividade turística na vila con preto dun centenar de visitas ao longo desta última semana de xullo. As persoas que se achegaron durante estes días mostraron un especial interese polo patrimonio arqueolóxico e os roteiros de sendeirismo.
A maioría de visitantes pernoitaron no municipio e, sobre todo, aproveitando as instalacións termais, grazas á recuperación da actividade habitual no funcionamento do balneario, segundo informa o goberno local.
A través dos programas do Imserso, espérase que ao redor de 200 persoas participen quincenalmente das termas. Tamén se detectou un incremento nas estancias das casas rurais tanto de Cuntis como da contorna durante estas xornadas.
A maioría de visitantes proceden de Madrid pero tamén se rexistran turistas de cidades do sur de España como Málaga, Granada ou Cáceres. Esta presenza fai que o goberno local teña boas expectativas para o futuro.
O alcalde Manuel Campos confía no atractivo que ofrece o municipio coa combinación dos recursos termais coas ofertas naturais e patrimoniais como modelos que evitan a masificación, unha opción que busca o turismo que ten obxectivo o descanso e coidado da saúde.
Desde o goberno local indican que están a traballar para consolidar o turismo como un elemento de ingresos económicos locais e para este obxectivo recupéranse as visitas guiadas gratuítas, a elaboración de novos roteiros, a edición de material informativo ou a promoción en redes sociais de Cuntis como destino de calidade turística.
Ademais, impulsouse a colaboración coa Fundación Castrolandín para que os visitantes coñezan o xacemento do mesmo xeito que a potenciación do atractivo turístico da reitoral de San Fins de Estacas.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Os veciños de Cuntis cruzan o Umia por un paso de madeira na procesión de San Roque
Por Redacción |
-
Recordos, anécdotas e unha boa comida para celebrar o medio século de historia do Atlético Cuntis
Por Redacción |
-
Turismo Rías Baixas sitúa no 72 % a ocupación media dos aloxamentos da provincia en xullo
Por Redacción |