Policía Local de Sanxenxo e Garda Civil manterán ata mediados de setembro o reforzo estival de seguridade
Por Redacción
O salón de plenos do Concello de Sanxenxo foi escenario este martes dunha reunión da Xunta Local de Seguridade.
Tras o encontro o goberno municipal confirmou que tanto Policía Local como Garda Civil manterán este ano o operativo de reforzo estival ata mediados de setembro.
Cabe lembrar que desde hai varios anos o persoal da Policía Local de Sanxenxo, durante as fins de semana, refórzase con axentes doutros puntos da comarca alcanzando a cifra total en persoal de 45 axentes.
Esta circunstancia é un esforzo tanto humano como económico importante para Sanxenxo xa que "supón un incremento de máis de millón e medio de euros cada verán sobre o gasto habitual en materia de seguridade", explicou o alcalde tras pedir ás forzas de seguridade "non baixar a garda" no que resta de verán para "continuar sendo un municipio seguro".
A maior preocupación en materia de seguridade pública en Sanxenxo é, para o alcalde Telmo Martín, a concentración de persoas entre as 5 e as 7 da mañá cada fin de semana no porto deportivo e a súa contorna polo que "nos gustaría ir reducindo a intensidade de xente que conflúe nese punto a esas horas".
Na Xunta Local participaron María Isabel Alonso, secretaria da Subdelegación do Goberno; o concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Manuel Pérez; Simón Venzal, coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra; Diego González, xefe provincial da Policía Autonómica; Miguel Cruz, capitán xefe da Compañía da Garda Civil en Vilagarcía; Alfonso Cuadrado, tenente xefe do destacamento de tráfico da Garda Civil en Pontevedra; Juan Fernández, sarxento do posto principal da Garda Civil de Sanxenxo; Luisa Fariña, oficial xefa da Policía Local de Sanxenxo; Abelardo Martínez Meis, axente da Policía Local de Sanxenxo, e Iván Luís Pérez, xefe de Emerxencias de Sanxenxo.
Relacionadas:
-
Intensifican a presenza policial en Sanxenxo para garantir a seguridade e o tráfico
Por Redacción |
-
Se perdiches algún obxecto en Sanxenxo durante este verán, quizais o teña a Policía Local
Por Redacción |
-
A Garda Civil realizou máis de 5.000 controis durante a Festa do Albariño de Cambados
Por Redacción |
-
O big data revela que Sanxenxo recibiu 415.072 visitantes o pasado mes de xullo
Por Redacción |
-
Incorpóranse 15 auxiliares da Policía Local para reforzar a seguridade estival en Sanxenxo
Por Redacción |