Curros Enríquez mellora a súa imaxe coa reparación de todos os bancos da praza e unha limpeza integral
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu instruccións á Concellaría de Sostemento dos espazos públicos para que acometese a limpeza e tratamento de todas as madeiras dos bancos así como a retirada de tres dos bancos máis grandes para ser reparados.
Este martes colocáronse os bancos coa axuda dun camión grúa e xa quedaron aliñados tal e como se concibiron no día da reforma da praza xa que co paso do tempo estaban movidos. Tamén se trataron as madeiras en superficie e retirouse a cabina de Telefónica que estaba moi deteriorada.
A intervención en Curros Enríquez rematou este mércores cunha limpeza integral de parte da praza que ten unha importante carga diaria de hostalería.
O alcalde está a supervisar directamente a mellora dos espazos públicos e do mobiliario urbano da cidade. Tal e como afirmou Lores a principios de mes, "un dos retos máis importantes deste mandato" é manter os espazos públicos en perfecto estado de uso e goce dos veciños, "un traballo laborioso e constante que permitirá mellorar a calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas".