Rafa Domínguez augura un novo pacto de goberno entre BNG e PSOE que será "negativo" para a cidade
Por Redacción
O presidente do Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceu este venres para realizar unha valoración sobre as relacións institucionais entre os dous antigos socios de goberno no Concello, o BNG e o PSOE. "Acabarán chegando a un acordo de Goberno no que cada un mirará polos seus intereses torpedeando á outra parte, o que vai ser moi malo para Pontevedra", augura o líder da oposición.
Despois de relatar diversos desencontros entre ambas as partes que comezaron na campaña electoral cando Iván Puentes asumiu o liderado da formación municipal socialista tras a marcha de Tino Fernández, Domínguez recoñece asistir "atónito" á deterioración das relacións entre ambos os partidos. Aínda así, atiza a Puentes ao dicirlle que "non debería queixarse tanto" porque "teñen o que votaron". "Os socialistas entregaron a alcaldía a Lores, a pesar de que o PP gañou de forma rotunda e contundente as eleccións”, engadiu.
As desavinzas entre ambos, relatou o popular, foron sucedéndose comezando pola inauguración do novo miradoiro sobre o Lérez, por parte do rexedor nacionalista, cando o líder do PSOE non se atopaba na cidade. Seguiron no pleno da semana pasada coas dúas mocións do PSOE sobre Reina Vitoria e o Pontevedra Flúe. Días despois volveron a quedar en evidencia as dúas formacións cos reproches dos socialistas pola deterioración dos servizos sociais ou co novo plan dos nacionalistas para revitalizar a planta superior do Mercado.
O último rozamento xurdiu por mor da polémica sobre a localización da feira ambulante. Tema que aproveitou Domínguez para criticar á antiga responsable de Promoción Económica e Comercio. "É estraño que a socialista Yoya Blanco enmiende unha ordenanza que asinou ela hai tres meses, cando formaba parte do goberno local. Unha ordenanza que o PP xa lle advertía en pleno de que estaba mal”, lembrou o líder dos populares.
A pesar de todos estes enfrontamentos, Rafa Domínguez está convencido de que haberá pacto de goberno. E en caso de non habelo, tampouco augura un bo futuro para a cidade porque "nove edís nacionalistas terán que facer o traballo que antes facían os 15 concelleiros do bipartito”.
Mentres tanto, desde o Partido Popular, manteñen a súa folla de ruta "xurídica" para tratar de reabrir Reina Vitoria, retirar os lombos das vías sanitarias, levar definitivamente a feira ambulante ao centro e reforzar os servizos sociais. “Queremos facer realidade as iniciativas que reclama a maioría dos pontevedreses”, concluíu o popular.
Do mesmo xeito, descarta polo momento presentar unha moción de censura e explorará as vías legais para que o goberno execute os acordos plenarios como a apertura de Raíña Vitoria.
Relacionadas:
-
Lores sostén que "non ten sentido" negociar co PSOE porque "ten decidido non entrar no Goberno"
Por Natalia Puga |
-
A Deputación e a Fundación Alexandre Bóveda colaborarán para pór en valor a figura do ilustre galeguista
Por Oskar Viéitez |
-
Nova "pinza": ao PSOE parécelle "fantástico" o pacto que ofrece o PP para fixar a Alameda como localización definitiva para a feira
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Pontevedra cre que este mandato "probablemente vaia a moción de censura"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |