Luís López pide forza á Virxe Peregrina contra as fendas de xénero, "a estas alturas de século XXI, unha realidade intolerable"
Por Natalia Puga
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, estreouse este domingo na tradicional Ofrenda á Virxe Peregrina como patroa da provincia que se celebra cada domingo das Festas da Peregrina. Retomou, desta maneira, unha tradición que se perdera nos últimos oito anos, durante o Goberno bipartito PSOE-BNG, no que a presidenta, Carmela Silva, delegaba nun deputado para este papel.
No seu papel como representante da Deputación, López, ou Lugués, como é coñecido, compareceu ante a Virxe "como continuador dunha tradición inscrita nun lugar privilexiado da nosa historia común". Fíxoo "desde o profundo respecto, desde a inmensa gratitude e desde o máis alto sentido da responsabilidade" por representar, a través desta Ofrenda, aos pontevedreses que lle tributan devoción e afecto á patroa da provincia.
Luís López tomou a palabra durante a misa pontifical no santuario da Virxe Peregrina celebrada ao mediodía, presidida polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, e que contou coa presencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Tamén acudiu unha ampla representación do PP, coa ex presidenta do Congreso e deputada Ana Pastor; o líder do PP local e vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera: os deputados e alcaldes de Marín e Cerdedo-Cotobade, María Ramallo e Jorge Cubela: ou os concelleiros pontevedreses Pepa Pardo ou Silvia Junco.
Non faltaron autoridades policiais e militares como o xeneral xefe da Brigada Galicia VII, Brilat, Alfonso Pardo de Santayana Galbis; o comandante-director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona Suanzes; o comisario xefe da Policía Nacional, Juan José Diaz; ou o coronel da Garda Civil, Simón Venzal.
Ante todos eles, Luís López compareceu "como un humilde peregrino que pide amparo para afrontar unha etapa desafiante e esperanzadora" á fronte da Deputación e lembrouse dos seus inicios en Rodeiro (onde foi alcalde).
Neste papel, reivindicou que liturxias como esta Ofrenda e monumentos como o santuario da Peregrina recórdanlle que a súa tarefa é "preservar aquilo que nos une, de conservalo alleo á división para que nela poidan encontrarse os que nos sucedan".
No medio do actual "tempo convulso", considera que "as institucións recobran todo o seu sentido", como lugares de encontro ante a "permanente confrontación" e renovou o compromiso de que a Deputación "sexa a casa de todos os pontevedreses e a man amiga dos 61 concellos" que aposte polo "entendemento cara o resto das Administracións".
"Seremos máis fortes canto máis unidos", sinalou López, que rogou á Virxe "forza dabondo para afrontar todas as fendas do noso camiño", entre elas, as educativas, as económicas e as fendas de xénero que "son, a estas alturas de século XXI, unha realidade intolerable". "Máxime, se a desigualdade atenta contra a propia vida das mulleres", engadiu.
Non se esqueceu da Guerra de Ucraína, que lembra que "non hai ningunha conquista definitiva", senón que "a garantía da paz e do respecto aos dereitos humanos é unha tarefa permanente, como tamén o é a solidariedade con aqueles que están a sufrir as súa consecuencias máis devastadoras".
Relacionadas:
-
Solicitan a colaboración cidadá para localizar dous sospeitosos
Por Redacción |
-
Centos de persoas réndense á Peregrina polas rúas da cidade no seu día grande
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O traslado da carroza procesional abre o programa relixioso das Festas da Peregrina
Por Oskar Viéitez & Natalia Puga |
-
Comezan as Festas da Peregrina: "Brindade a mogollón coa familia, cos amigos, pero non fagades botellón"
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez |