A ola de calor golpea forte ás Rías Baixas e deixa máximas nocturnas superiores aos 30 graos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A onda de calor dos últimos días continúa con impacto nas Rías Baixas. Tras os 36 graos do martes, este mércores en Pontevedra rexistráronse temperaturas de 35, totalmente inusuais na zona.
Se pouco habitual é a calor diúrna, máis as elevadas temperaturas da noite e a pasada madrugada alcanzáronse rexistros aos que ninguén está afeito nas Rías Baixas.
Así, en Poio e Cuntis superáronse os 30 graos durante a madrugada. Na estación de Meteogalicia no Castrove, en Poio, alcanzáronse os 31,8 graos ás 5,40 horas mentres que en Cuntis os termómetros chegaron a 31,7 ás 5,30 horas.
As predicións de Meteogalicia apuntan a que este mércores as Rias Baixas alcanzaron o punto álxido desta onda de calor e a partir deste xoves 24 de agusto inicia un descenso lixeiro das temperaturas máximas.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta e Consellería de Presidencia activou para os primeiros días desta semana a alerta amarela nas Rías Baixas.
Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.
Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol.
Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.