Denuncian o Atlantic Fest por solicitar a persoas con necesidades alimenticias datos protexidos sobre a súa saúde
Por Redacción
A organización FACUA-Consumidores en Acción denunciou ao Atlantic Fest 2023 por varias supostas irregularidades, entre elas, solicitar datos de carácter persoal especialmente protexidos relativos á saúde dos asistentes, prohibir o acceso con comidas e bebidas do exterior ao lugar do evento e impoñer como único método de pago o sistema cashless, poñendo trabas ao reembolso de cantidades non consumidas.
A asociación dirixiu un escrito ao Concello de Vilagarcía de Arousa, onde se celebrou o festival o pasado mes de xullo, denunciando que na propia páxina web do Atlantic Fest 2023 exhibían que non permitían acceder á zona de concertos "con ningún tipo de comida ou bebida".
Esta medida é, para FACUA, "contraria a dereito", dado que a actividade principal do evento denunciado non é a hostalería, senón o desenvolvemento dun espectáculo musical, polo que "esta prohibición non é necesaria para a correcta consecución da actividade comercializada".
Ligada a esta imposición, FACUA advertiu que a promotora solicitou a persoas con necesidades alimenticias especiais que acreditasen a súa condición cun certificado médico e documentación que as identifique. "Supón o establecemento dunha cláusula abusiva para os consumidores, en tanto que se están solicitando datos de carácter persoal e especialmente protexidos, podendo ser unicamente solicitados, tratados e cedidos por razóns de interese xeral, sen que concorra neste caso dita causa", sinalan.
A organización denunciou tamén estes feitos ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e lembra que a normativa europea establece a prohibición de tratar datos persoais "relativos á saúde" .
En relación co sistema cashless como único método de pago no evento e as limitacións para realizar o reembolso das cantidades non consumidas, destacan que a organización estableceu de forma deliberada un prazo breve "que supón un flagrante desequilibrio contractual, tendo en conta que se o consumidor non actúa no indicado prazo, o empresario obtería un enriquecemento inxusto, ao apropiarse dunha cantidade íntegra dun servizo que finalmente non se presta".
A asociación tamén se se dirixiu á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), e instounos a incoar un procedemento sancionador, porque a web do Atlantic Fest 2023 non informa da política de protección de datos e do tratamento que dá á información que solicita dos asistentes ao evento.
Tamén denunciou #ante a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial á promotora por carecer na web dedicada á promoción, venda de entradas e merchandising dun apartado específico que recolla a información necesaria e requirida conforme estipula a Lei 34/2002, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico.
Relacionadas:
-
Comeza o Atlantic Fest 2023 repartido en cinco escenarios
Por Redacción |
-
O Atlantic Fest pon data e hora para todos os concertos da súa nova edición
Por Alejandro Espiño |
-
Rías Baixas Fest 2023 ofrece propostas de ocio espectaculares ata o 10 de setembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O cartel do Atlantic Fest segue tomando forma con cinco novas incorporacións
Por Redacción |
-
O Atlantic Fest amplía o seu cartel con J de Los Planetas e Dani Cornes
Por Redacción |
-
Atlantic Fest reforza a súa edición de 2023 con Viva Suecia, León Benavente ou La Bien Querida
Por Alejandro Espiño |