Un curso da UNED formará contra o acoso a profesionais de centros deportivos e de lecer
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O centro asociado da UNED en Pontevedra acollerá entre os días 2 e 20 de outubro un curso formativo destinado a informar sobre a figura e as funcións dos delegados de protección que son obrigatorios en centros deportivos e de lecer.
O curso está dirixido pola educadora social e psicopedagoga Sonia Bouza González, profesora-titora da UNED de Pontevedra; e nel participará como relator Javier Mingorance, pedagogo, mediador social e experto en prevención de violencia contra as mulleres.
Esta iniciativa vai especialmente dirixida a coordinadores parentales, axentes de Policía ou Garda Civil, criminólogos, pedagogos, avogados, mediadores, psicólogos, traballadores sociais, educadores sociais, antropólogos, monitores de tempo libre, adestradores de deportes, árbitros de fútbol infantil ou animadores socioculturais, entre outros.
Entre os obxectivos que persegue este curso están coñecer e analizar que é un protocolo de actuación para erradicar casos de "bullying" en colonias, campamentos, casais de verán, centros deportivos ou outro tipo de malos tratos que poidan padecer as persoas menores.
O curso, que terá 75 horas lectivas, comezará abordando esta nova figura profesional e tamén dedicará parte do seu tempo para analizar os tipos de malos tratos na infancia e a adolescencia e as súas diferentes modalidades.
Ademais, os participantes aprenderán a deseñar plans de convivencia, coñecerán todas as funcións que ten un delegado de protección neste tipo de centros.
O último módulo estará dedicado ás prácticas do curso, unhas 25 horas, onde o alumnado terá que deseñar un protocolo de prevención da violencia nun centro deportivo. Tamén deberá identificar e expoñer un caso de pederastia no ámbito deportivo ou sociocultural.