Poio aproba as modificacións de crédito para saldar débedas con empresas e autónomos
Por Redacción
Os votos favorables do goberno municipal foron suficientes para aprobar tres modificacións de crédito, unha para facer fronte aos intereses das débedas contraídas cos bancos e dúas para pagar parte do millón de euros que debe o Concello a empresas e autónomos.
"Imos buscar unha solución a dous dos moitos problemas que deixou o anterior goberno do tripartito, que gastaron sen ningún tipo de control, e provocaron que sexamos o concello da provincia con máis débeda, o cuarto de toda Galicia", subliñou o alcalde, Ángel Moldes.
A proposta do goberno incluiu dúas modificacións de crédito que ascenden a 42.275,40 euros e 63.956,31 euros, respectivamente, para abonar facturas pendentes de aprobación por falta de crédito; e unha terceira de 89.167,95 euros para pagar os xuros bancarios.
Moldes insistiu que o novo executivo municipal "quere ser responsable", polo que considera "prioritario" pagar as facturas pendentes "porque non só é unha situación irregular, senón que ademais é insoportable para as contas do Concello de Poio e para os veciños".
Para iso, avanzou que o Concello fará un "importante esforzo" para diminuír as partidas nas que aínda quedan cartos para destinar eses recursos en pagar as facturas que están pendentes desde hai tempo, sen renunciar nin á calidade dos servizos nin a investimentos.
Na actualidade, e segundo a auditoría interna feita polos propios técnicos municipais, o Concello de Poio ten unha débeda de 8 millóns de euros cos diferentes bancos e coa Deputación de Pontevedra, ademais de facturas sen pagar por valor de un millón de euros.
APARCAMENTO EN SAN SALVADOR
No pleno tamén se aprobou unha modificación puntual do PXOM na rúa Valiña que inclúe a creación dun aparcamento disuasorio, que permitirá crear máis de 150 prazas novas de aparcamento na Finca da Coca-Cola, na parroquia de San Salvador.
O proxecto contará tamén con zonas verdes, novos viais e un desenvolvemento residencial privado que levaba anos agardando a ser unha realidade.
Moldes indicou que en próximas datas asinarase un convenio de cesión coa empresa propietaria para que o novo espazo de estacionamento estea en uso o antes posible.
"O novo goberno foi capaz de desatascar este proxecto en tempo récord e seguir cumprindo un dos puntais do noso programa, a dotación de estacionamento, tan necesario para mellorar a calidade de vida dos veciños e aproveitar o potencial económico do concello", subliñou.
A este respecto, o voceiro socialista, Gregorio Agís, recordou que na Comisión de Urbanismo previa á remisión dos informes á Xunta de Galicia o PP abstívose, polo que "é chamativo que agora o señor Moldes estea tan satisfeito e pretenda apuntarse o tanto".
O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio lembra que esta tramitación da modificación puntual do PXOM foi impulsada no anterior mandato. Foi entón cando se levaron a cabo as xestións que recuperarán un espazo público de máis de 3.000 metros cuadrados.
Na súa intervención, Agís augurou que esta non será a única ocasión na que Moldes tratará de vender como seus proxectos e obras tramitadas polo goberno anterior.
"O alcalde co soldo máis alto da historia de Poio debería facer algo máis que limitarse a aproveitarse do traballo dos demais, sen confundir aos veciños", indicou Agís, quen, en todo caso, salienta a importancia da aprobación inicial desta modificación.
FESTIVOS LOCAIS
Por último, na orde do día do pleno tamén se incluíu a aprobación dos festivos locais para o ano 2024. A proposta aprobada fixa que que as xornadas festivas do próximo anos sexan o 24 de xuño, día de San Xoán e patrón de Poio, e o 24 de setembro, Día da Merced.
Relacionadas:
-
Preparan tres novos aparcamentos disuasorios en San Salvador para preto de 200 turismos
Por Redacción |
-
O Pleno de Poio aproba solicitar un préstamo para pagar facturas pendentes e para comprar a gardería de Campelo
Por Redacción |
-
A finca da Coca-Cola disporá de 150 prazas de aparcamento público de balde
Por Oskar Viéitez |
-
Poio aprobará dúas modificacións de crédito para pagar a primeira remesa do millón de euros que debe o Concello
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno local de Poio aprobará unha modificación de crédito de 89.168 euros
Por Oskar Viéitez |