As familias da Lama que tiveran ou adoptaran fillos en 2022 xa poden solicitar un 'cheque bebé' de 1.000 euros
Por Redacción
O Concello da Lama abre o prazo para solicitar o 'cheque bebé' de 1.000 euros para axudar ás familias con fillos. As persoas interesadas poderán reclamar esta achega durante os meses de setembro e outubro, ata o 30 de outubro.
Poderán ser beneficiarios das axudas un dos proxenitores ou adoptantes de menores con residencia fixada no concello da Lama que naceran entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2022.
Os pais ou nais deberán estar empadroados con 12 meses de antelación ininterrompidos, como mínimo, ao nacemento ou adopción e tamén no momento de recibir as axudas.
No caso de partos múltiples, terase dereito a obter un 40% adicional por un segundo e un 20% por seguintes fillos/as.
A subvención repartirase do seguinte xeito: o ano da concesión o 50% e a outra metade na anualidade seguinte.
Os impresos deberán ser entregados nas Oficinas Municipais do Concello da Lama ou por sede electrónica.
A documentación que deben presentar os interesados en acollerse a estas axudas será o DNI do solicitante, certificado de nacemento ou copia da resolución xudicial no caso de adopcións.
Tamén deberán entregar un certificado de convivencia, así como os correspondentes de Facenda e Seguridade Social de estar ao corrente coas súas obrigas tributarias e, finalmente, certificado da titularidade da súa conta bancaria.