As mascotas tamén marcharán en Pontevedra contra o cancro
Por Redacción
Unha marcha solidaria e pet friendly. Así será a quinta edición da Marcha contra o Cancro que organiza a Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra. Nesta ocasión, buscará ser a edición máis familiar de todas convidando, especialmente, ás mascotas.
Desde a asociación apuntan que en marchas anteriores "sempre houbo xente que levou ao seu can ou ao seu gato porque son un máis da familia", por iso é polo que queiran recoñecer a súa participación e converter a marcha, o próximo 8 de outubro, nun día solidario e moi familiar.
Así, os animais de compañía que acudan á marcha cos seus donos recibirán un bonito detalle por parte dos organizadores.
A proba, como en edicións anteriores, constará dun percorrido apto para todos os públicos, polo centro da cidade e as marismas de Alba, partindo da Avenida Montero Ríos e que se poderá realizar tanto andando como correndo.
As inscricións para esta proba, non competitiva, xa están abertas. O prezo por inscrición é de 11 euros para adultos (ata o 24 de setembro) e 6 euros para nenos e nenas, de catro a doce anos, incluíndo unha camiseta de agasallo e avituallamiento.
Os menores de tres anos poderán participar de maneira gratuíta (non inclúe camiseta).
As persoas que desexen participar coa súa mascota non necesitarán inscribilas, tan só deberán sinalar na súa inscrición que participan con ela.
A inscrición poderase formalizar na sede da asociación en Pontevedra, situada na rúa Eduardo Pondal, 64A, baixo, ou a través da pasarela de https://enmarcha.contraelcancer.es/es/evento/marcha-contra-el-cancer-de-pontevedra.
Ao finalizar a proba haberá sorteo de agasallos e unha clase de zumba a cargo do instrutor Bruno Hermida, un orixinal fotomatón nunha autocaravana para que os participantes inmortalicen ese recordo e moitas máis sorpresas.
O recadado nesta marcha destinarase a continuar fomentando a investigación en cancro, financiando proxectos de investigación, para alcanzar o obxectivo de chegar ao 70% de supervivencia en cancro en 2030.
Relacionadas:
-
As camisetas verdes asolagan Pontevedra na quinta edición de 'Pontevedra en marcha contra o cancro'
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Presentada a quinta edición da marcha 'Pontevedra en marcha contra o cancro'
Por Redacción |
-
Rescatan a tres gatiños dun contedor de lixo en Lourido
Por Oskar Viéitez |
-
Mariano Rajoy e Alfonso Rueda coinciden na gala solidaria a favor da AECC na Toxa
Por Redacción |
-
A Asociación contra o Cancro reforza a súa aposta por Sanxenxo cunha nova sede en Portonovo
Por Redacción |
-
A intelixencia artificial, unha aliada en Pontevedra para mellorar os cribados de cancro de colon
Por Redacción |
-
Reclaman desde Pontevedra que se siga prohibindo fumar en espazos públicos
Por Redacción |