O PSOE pide "máis seriedade" ao presidente da Deputación á hora de avaliar a xestión do Goberno anterior
Por Redacción
O PSOE provincial respondeu este sábado ás críticas realizadas o venres polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, sobre a xestión do Goberno bipartito anterior e fíxoo animando ao PP a "poñerse a traballar xa na Deputación, porque en dous meses non fixeron absolutamente nada e agora atopámonos con que lles molesta que se executen os Orzamentos”.
Luís López informou este venres dos resultados principais da avaliación interna de contas que reflicten "un gasto superior ao habitual" nos últimos meses do goberno bipartito presidido por Carmela Silva cunha "xestión descontrolada de todo os cartos dos pontevedreses".
En resposta, o voceiro do grupo provincial socialista, Carlos Font, sinalou que o PP "leva dous meses presidindo a Deputación e aínda non foi quen de poñer en marcha nin unha soa idea, proxecto ou iniciativa propias".
Font considera que o presidente da Deputación fixo de "monologuista do Club da Comedia" intentando criticar a xestión económica do anterior Goberno provincial. “Que nos diga que a execución orzamentaria de 2023 está moi avanzada á altura do mes de setembro é un chiste malo ou unha demostración do escaso nivel do novo presidente e o seu equipo”, sinala.
O grupo socialista esíxelle a Luís López "máis seriedade" e invítao a examinar os datos do visor económico da propia web da Deputación, onde se dá conta diariamente da execución orzamentaria.
Considera, ademais, que "dá vergoña allea escoitar a un presidente da Deputación do Partido Popular falar dos cartos que hai nos caixóns, cando sabe perfectamente que o último presidente do PP, Rafael Louzán, tiña un caixón con 20 millóns de euros para repartir ao seu capricho, mentres que o Goberno de Carmela Silva repartiu ata o último céntimo por criterios obxectivos e non levantou un só reparo de Intervención en 8 anos".
Carlos Font lembra tamén que o PP deixou en 2015 unha débeda de 49 millóns de euros e multas da Unión Europea pola "nefasta xestión" dos escasos fondos europeos conseguidos daquela.
Parécelle "entre cómico e patético" que se dea unha rolda de prensa na que se trata de desprestixiar ao anterior Goberno provincial, que foi o que "trouxo os criterios obxectivos entre tódolos concellos da provincia", creando o Plan Concellos, a igualdade en todas as subvencións e a transparencia en todas as convocatorias, ademais de bater tódolos récords na consecución de fondos europeos.
Relacionadas:
-
O PP négase a entregar a avaliación interna sobre a situación económica da Deputación e o PSOE conclúe que "non existe"
Por Redacción |
-
Jorge Cubela insiste en que a situación orzamentaria da Deputación é "preocupante"
Por Redacción |
-
Os socialistas negan a situación económica precaria e aseguran que a Deputación ten case 200 millóns de euros en caixa
Por Oskar Viéitez |
-
Constituídas as dez comisións informativas do actual mandato na Deputación
Por Redacción |
-
Luis López responde ao PSOE: "Pasar dun goberno dogmático a oposición sectaria é non entender a mensaxe das urnas"
Por Anxo Lourido |
-
Os socialistas lamentan que a Deputación sexa unha "sucursal" da Xunta controlada por Rueda "con mando a distancia"
Por Redacción |
-
Lores observa unha "calma chicha" na Deputación e advirte que o convenio por Santa Clara está "perfectamente definido"
Por Alejandro Espiño |
-
O presidente da Deputación critica a xestión "descontrolada" nos últimos meses do goberno de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |