Unha furgoneta cargada con material pirotécnico arde por completo e o dono sofre unha crise nerviosa
Por Natalia Puga
Unha furgoneta que transportaba material pirotécnico ardeu por completo na noite deste sábado mentres estaba aparcada no estacionamento dun restaurante da parroquia de Xil, no concello pontevedrés de Meaño.
O vehículo viña dunha celebración na que se empregou o material pirotécnico e, segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, "probablemente, algún artefacto que non foi consumido por completo puido reactivarse e provocar o incendio".
Como consecuencia do incendio, tamén se viu afectado un turismo que estaba nas proximidades e o propietario da furgoneta sufriu unha crise nerviosa.
Segundo a información facilitada polo 112, unha persoa alertou do incendio ás 22:45 horas da noite, solicitando medios de extinción para o citado estacionamento, situado na estrada que une as localidades de Dena e Barrantes.
Desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés, dos membros do GES de Sanxenxo e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Os medios de extinción apagaron o lume e confirmaron ao 112 que a furgoneta resultou calcinada por completo, e que acabou afectando tamén a un turismo próximo.