Detido un home que tentou roubar nun bar, ameazou o dono e tiroulle unha lata de cervexa cando o retivo
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra identificou os dous sospeitosos dun intento de roubo nun bar da rúa Alhóndiga na noite do luns 28 ao martes 29 de agosto e detivo un deles tamén por ameazas e agresión ao propietario do negocio.
A actuación policial que rematou nesta detención comezou sobre as 22.40 horas do luns 28 de agosto, cando un veciño da rúa Alhóndiga alertou da presencia de dúas persoas que estaban entrando a roubar nun establecemento situado detrás da Casa Consistorial, sacando unhas botellas por riba do portalón de madeira que dá acceso a un almacén.
A testemuña facilitou a descrición destas dúas persoas e varias patrullas policiais desprazáronse ao lugar. Cando chegaron, acompañadas polo propietario do local, inspeccionaron o almacén, non atoparon a ninguén e tampouco observaron sinais de que o portalón de acceso estivera forzado.
Unhas horas despois, sobre a unha da madrugada, o propietario chamou á Policía Local indicando que tiña retida unha persoa no local.
Antes de que chegara a patrulla, dúas persoas fuxiron a pé correndo e varias patrullas da Policía Local iniciaron unha batida polas inmediacións.
Finalmente, localizaron un dos sospeitosos na zona das ruínas de San Domingos e outro na esquina da rúa Gutiérrez Mellado con Michelena.
Os axentes identificaron os dous homes e constataron a implicación dos dous no delito de tentativa de roubo.
Un deles, de 42 anos, está a ser investigado só por un presunto delito de tentativa de roubo e o outro, de 39, tamén por ameazas graves e agresión. Segundo relatou o propietario, cando o tiña retido, guindoulle unha lata de cervexa.