Alegacións do Concello de Cerdedo-Cotobade contra a instalación da liña de evacuación do Parque Eólico dos Cotos
Por Redacción
A instalación da liña de evacuación do Parque Eólico dos Cotos en Cerdedo-Cotobade conta coa oposición do Concello, que presentou alegacións a este proxecto mostrando o seu rexeitamento ao estudo de impacto ambiental e ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e a declaración de utilidade pública das instalacións da LAT 66 kV PE dos Cotos-SE Ponte Sampaio, que afecta tamén aos municipios de Ponte Caldelas e Ponteveddra.
O goberno local contratou á empresa Tysgal para realizar un estudo que argumentase legal e cientificamente a oposición a esta instalación eólica. Agora o Concello pon ao dispor da veciñanza nas oficinas municipais as alegacións para que sexan utilizadas polas persoas e entidades que consideren oportuno presentar cuestións contra este proxecto.
Entre as consideracións figuran as afeccións sobre os dereitos da veciñanza, a hidroloxía, a paisaxe, fauna, flora e espazos naturais protexidos, entre outras.
O Concello entende que esta infraestrutura non garda un concepto unitario cosustancial a un parque eólico ofrecendo unha fragmentación artificiosa. Tamén alegan que non cumpre cos requisitos para que sexa considerado de interese autonómico ao non quedar acreditado que o proxecto supoña un desenvolvemento económico comarcal e local e que as actuacións previstas posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica.
Tamén especifican que falta un estudo de impacto social e económica ao non avaliar como afectará á calidade de vida das persoas residentes.
O Concello, ademais, expón nas alegacións que afectará os montes veciñais de Borela, Aguasantas, Almofrei, Loureiro e Rebordelo provocando unha "alteración visual" da paisaxe en núcleos de poboación de San Martiño de Borela como A Graña, A Senra, A Brea, O Picoto de Abaixo e Ponte Borela.
O informe, entre outras cuestións, alerta tamén sobre a repercusión que o proxecto terá en espazos naturais protexidos, vexetación e fauna como o río Lérez e a Serra do Cando, que figuran na Rede Natura 2000.
Relacionadas:
-
O BNG presenta alegacións contra a liña de alta tensión Os Cotos
Por Oskar Viéitez |
-
A exposición pública os 17 quilómetros de liña de alta tensión do parque eólico Os Cotos
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade presenta recurso de alzada contra a autorización aos parques eólicos
Por Redacción |
-
Pontevedra "fará todo o necesario" ante a autorización do parque eólico dos Cotos
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta autoriza a construción do parque eólico dos Cotos
Por Alejandro Espiño |