Os comuneiros de Ponte Sampaio ceden ao Concello os terreos do centro social de Acevedo
Por Alejandro Espiño
Un acordo entre o Concello de Pontevedra e a comunidade de montes de Ponte Sampaio permitirá que a administración municipal poida impulsar a renovación integral do centro social de Acevedo, actuación que será licitada moi pronto.
Será grazas á cesión dunha parcela duns 3.000 metros cadrados que os comuneiros cederán ao Concello durante un período de trinta anos.
Así o anunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre un trámite que permitirá executar unha obra orzada en 543.000 euros.
O proxecto que renovar o centro social de Acevedo afectará o centro actual, que ten unha estrutura de "galpón" e tamén ao campo da festa.
Ademais está prevista a urbanización da contorna da capela próxima e do cruceiro.
O Concello busca crear un novo núcleo de centralidade cos "máis altos estándares de calidade" cun espazo de estancia e coa intención de que poida acoller as festas da zona, entre outras actividades.
O anteproxecto contempla a utilización de materiais tradicionalmente galegos mantendo respecto pola contorna.
A intención do goberno local é desenvolver a reforma en dúas fases. A primeira afecta o edificio e ao campo da festa; mentres que a segunda céntrase na urbanización do espazo do cruceiro e da zona para comidas.