25 familias de Tenorio e Carballedo benefícianse do Plan Concilia Mañáns
Por Redacción
Máis de 25 familias dos centros educativos de Tenorio e Carballedo se benefician do Plan Concilia Mañáns, posto en marcha polo Concello de Cerdedo-Cotobade.
O goberno local sacou a concurso este servizo por un prezo de saída de 34.000 euros anuais para que o adxudicatario se ocupara de atender a demanda en todo o municipio e xa está ultimando os detalles para entrar en fucionamento a partir do 20 de setembro.
Nesta fase inicial dará cobertura a 17 alumnos e alumnas do CEIP de Tenorio e do Instituto e a 8 nenos e nenas do CEIP de Carballedo, con posibilidade de ampliar a Cerdedo en función da demanda existente xa que de momento non acadaron o mínimo de 6 solicitantes.
Segundo indican desde o Concello, os beneficiarios deste servizo terán a vantaxe de ser atendidos por persoal cualificado mentras non empeza a actividade lectiva e os que así o desexen poderán almorzar se non o fixeron nos seus domicilios por falta de tempo.
Para o alcalde Jorge Cubela este servizo é "vital e moi operativo para impulsar medidas encamiñadas a fixar poboación no noso municipio, favorecer a conciliación laboral e familiar e axudar ás familias para que seus fillos sexan atendidos mentres van camiño do traballo ou se incorporan á súa xornada laboral".
"Este servizo manterá unha coordinación constante entre o Concello, a comunidade educativa e os pais e nais que terán a posibilidade de colaborar para que teña o mellor funcionamento posible para que este programa que implantamos de conciliación laboral e familiar resulte todo un éxito", indicou Cubela.