![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/02d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64fef5a2ad-probas-novo-emisario-submarino.jpg)
© Consellería de Infraestruturas e Mobilidade - Xunta de Galicia
Comezan con éxito as probas de funcionamento do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Desde primeiras horas deste luns 11 de setembro comezaban as probas de funcionamento do novo emisario submarino.
Cortábase a conexión principal entre a cámara de carga da estación depuradora e o emisario antigo de forma que o efluente de planta comezaba a desviarse cara ao novo emisario sen que se rexistrasen incidencias.
Existe outra conexión secundaria entre a cámara de carga e o vello emisario que permitirá seguir utilizándoo durante as probas e sempre que sexa necesario cando xa funcione plenamente o novo.
As probas continuarán durante varias xornadas, segundo informan desde a Xunta, ao ser necesario realizar múltiples comprobacións de sistemas e parámetros.
A construción do novo emisario submarino dos Praceres supuxo un investimento de máis de 12 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.
Esta intervención complementa a obra de mellora da depuradora finalizada en 2022, na que se investiron outros 16 millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade explica que con estas obras as augas da ría de Pontevedra comezaron a cumprir os parámetros de calidade establecidos na normativa da Unión Europea e quedara en suspenso o proceso sancionador aberto polas autoridades comunitarias.