"En toda Pontevedra e Sanxenxo non hai un sitio libre" polo tríatlon
Por Diego Espiño
A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrará en Pontevedra este mes de setembro, é un evento que "trascende a Pontevedra, á comarca e mesmo ás Rías Baixas". Deféndeo nas súas comparecencias o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e así o fixo de novo este luns tras unha reunión do comité organizador.
Non é para menos, e é que segundo revelou tras o encontro o director de competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, "en toda Pontevedra e Sanxenxo non hai un sitio libre". Tanto é así que "hai xente que sabemos por exemplo que está en Vigo, como parte do equipo de Estados Unidos ou de Canadá", explicou.
"Fixemos moitos eventos en Pontevedra e nunca tivemos tantos problemas para colocar á xente", recoñece García.
Estes é así porque ao contrario que noutras probas internacionais, ademais dos miles de deportistas e persoal técnico das federacións que se esperan tamén se conta con que un importante número de afeccionados viaxe á Boa Vila para ver en directo o gran evento do tríatlon mundial.
"Calculamos que podemos andar por riba das 12.000 persoas vendo a Gran Final", asegurou o alcalde.
Debido a iso buscouse fomentar sinerxias con toda a comarca, e froito diso o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, estaba presente na reunión do comité organizador e "encantado de que a maioría de participantes pernoiten en Sanxenxo". Unha vía que se quere seguir fomentando no futuro noutros eventos deportivos como os Campionatos do Mundo Multideporte de 2025.
Completaron o encontro de traballo celebrado no Concello de Pontevedra o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a edil de Deportes, Anabel Gulías; Daniel Benavides como representante da Xunta de Galicia e Javier Campos en nome da Federación Galega de Tríatlon.
Relacionadas:
-
España presenta a súa armada para a Gran Final: "O público de Pontevedra vainos axudar moito"
Por Redacción |
-
Unha 'galFESTA' poñerá o punto musical á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Diego Espiño |
-
O Concello promove reunións veciñais para explicar o dispositivo previsto durante o Tríatlon
Por Redacción |
-
Dispositivo especial de tráfico e mobilidade durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
Medallistas olímpicos e mundiais, na lista de saída da Gran Final de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Sanxenxo intégrase no comité organizador das Series Mundiais de tríatlon
Por Redacción |