Comeza a construción dos apartamentos e a residencia de maiores de Ilunion en Tafisa
Por Oskar Viéitez
Este mércores 13 de setembro tivo lugar o acto de colocación da primeira pedra do que será a residencia de maiores e os apartamentos Senior Living de Ilunion na cidade de Pontevedra.
Concretamente, está situado nos terreos da antiga fábrica de Tafisa, entre as rúas José Malvar e Vasquida García.
O acto contou coa participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, da concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías; a directora executiva de Ilunion VidaSénior, Paola del Río, o director de Ilunion VidaSénior, Cristóbal Cuevas; ademais do delegado de ONCE, Manuel Martínez Pan; e o Yield Manager de Thor Private Equity Spain, Miguel Ángel Pascual; xunto con outros membros da corporación municipal.
Este proxecto de construción creará dúas áreas diferenciadas: dunha banda 24 apartamentos “Senior Living” e, doutra, unha residencia. Un "modelo híbrido" que responde á necesidade de "cubrir con flexibilidade todas as etapas do plan de vida das persoas maiores", tal e como se lembrou durante a intervención.
Os responsables deste proxecto falan dun "novo estilo de convivencia" para as persoas que alí residan, co obxectivo de "preservar a súa autonomía en todo momento", e sen esquecer aspectos tan importantes como a accesibilidade e o benestar.
O edificio contará con espazos comúns como salas de lecer e multimedia, restaurante, ximnasio, entre outros, segundo explican desde a empresa responsable do proxecto.
A residencia terá un total de 150 prazas, repartidas en diferentes unidades de convivencia, nas que as persoas usuarias serán atendidas baixo o "modelo de atención integral centrada na persoa".
O novo equipamento para maiores será desenvolvido por Thor Private Equity Spain ao longo dos vindeiros dous anos.
A súa construción traerá consigo a creación de cen postos de traballo na cidade, nos que se priorizará a incorporación de persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade.
O alcalde dixo que hoxe estaba "como un neno con zapatos novos", pois este proxecto, xunto co desenvolvemento de toda a unidade urbanística de Tafisa foi realizado ao longo dos anos e "completa en gran medida a cidade, transformando este lugar nun sitio fabuloso e especial, ao carón do que chamamos o noso Central Park, como é a Illa das Esculturas".
Lores incidiu en que "estamos a construír unha cidade entre todos e todas para as persoas" e salientou que "coa ONCE gardamos unha relación impecable, que agardamos siga sendo así no futuro, sacando proxectos adiante deste tipo que fagan unha cidade mellor. Estamos orgullosos do que temos feito, pero sabemos que queda moito por facer".
Pola súa banda, Cristóbal Cuevas, director de Ilunion VidaSénior, manifestou que na empresa están "muy ilusionados con que la puesta en marcha del primer Ilunion Senior Living sea ya una realidad".
Tamén recalcou que traballan sempre co "con el claro objetivo de mejorar la vida de las personas mayores y dependientes", pero "adaptándonos a las nuevas realidades que demanda la sociedad", e esta iniciativa "es un claro ejemplo de hacia dónde vamos".
Relacionadas:
-
Ilunion investirá 7,37 millóns na construción da súa residencia de maiores en Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
CCOO esixe que a residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega sexa de xestión pública directa
Por Oskar Viéitez |
-
O parque residencial da antiga Tafisa sumará 45 novas vivendas
Por Alejandro Espiño |
-
A Universidade de Vigo quere dotar o campus de Pontevedra dunha residencia estudantil e estudará as posibilidades do Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Promoven un novo centro para a terceira idade con vivendas estilo cohousing na zona de Tafisa
Por Natalia Puga |