Vence aposta pola 'Cidade do Lores' no debate do BNG sobre a Unión Europea
Por Anxo Lourido
Máis de trescentos militantes e simpatizantes nacionalistas asistiron á xornada de debate organizada polo BNG sobre o actual modelo da Unión Europea que se desenvolveu no Pazo da Cultura durante este sábado 25. Coa presenza do portavoz nacional Xavier Vence e do seu antecesor no cargo Guillerme Vázquez, ambos os dous mostraron o seu rexeitamento á actual configuración europea.
Guillerme Vázquez foi o encargado de inaugurar o debate "porque o alcalde non puido asistir por atoparse enfermo" e sinalou que "a Unión Europea non é a solución, é o problema". E continuou o seu discurso preguntando se había que rebelarse ante a troika que só está a beneficiar aos bancos: "Hai que rebelarse ou non? Hai que rebelarse como ten feito o alcalde de Pontevedra pagando os salarios dos traballadores. Durao Barroso, Rajoy ou Feijóo son os que tiñan que estar sentados nun banquiño", en referencia á denuncia da Subdelegación do Goberno contra o alcalde pontevedrés polo bonificación da paga extra aos funcionarios municipales.
Xavier Vence tamén comezou o seu discurso con referencias ao goberno de Pontevedra: "xa se está dicindo que é a Cidade do Lores no lugar da Cidade do Lérez porque estamos facendo unha xestión exemplar en todos os aspectos", indicou o líder do BNG.
A continuación sinalou as consecuencias que existen pola discriminatoria repartición dos fondos europeos que "son xestionados polo Estado con criterios centralizadores, as liñas mestras decídense en Madrid e Galiza recibe dos fondos agrarios e pesqueiros moito menos do que lle correspondería dada a importancia de ambos sectores na nosa economía". E engadiu: "Os fondos europeos recibidos por Galiza desde 2007 e ata 2020 será unha contía inferior aos 9.000 euros que nos custou a todos e todas as galegas rescatar NovaGalizaBanco".
A xornada de debate serve como arranque para a elaboración do programa electoral do Bloque e nela interviñeron relatores como Piar García Negro, Carlos Aymerich, Carme Adán, Ana Miranda, Bieito Lobeira ou Francisco Rodríguez.