Pontevedra acolle unhas xornadas internacionais para abordar a "crise sistémica da Unión Europea"
Por Oskar Viéitez
Os próximos días 11 e 12 de abril, a Fundación Moncho Reboiras organiza no Pazo da Cultura de Pontevedra a segunda edición das Xornadas Internacionais "Comprendermos a crise", tituladas nesta ocasión: "Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e Unión Europea".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, presentou este mércores as xornadas xunto ao director desta Fundación, vinculada á central sindicalista CIG, Manuel Mera.
Fernández Lores explicou que despois de cinco anos dende o inicio da vixente crise "cobra unha importancia capital o papel que nela están a xogar as institucións europeas". O alcalde destacou a "oportunidade" destas xornadas ante a inminente cita electoral dos comicios europeos.
Segundo Manuel Mera, a Fundación pretende articular un espazo galego para a análise e a reflexión no que se aborde a situación social actual "de maior empobrecemento das clases populares, e o momento económico marcado polo desmantelamento da base produtiva de Galicia por culpa das políticas de duros recortes impulsados pola Troika".
Neste sentido no Pazo da Cultura escoitaranse as achegas de importantes expertos no ámbito internacional como o economista Bernardo Valdés, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, ou Jacques Nikonoff, membro fundador e expresidente de Attac, que tratará no seu relatorio do euro e "se é preciso saír da moeda única". Ambas as dúas intervencións terán lugar o venres 11 de abril.
Para a xornada do sábado está prevista a participación da economista Mar Pérez Fra, profesora na Universidade de Santiago de Compostela, ademais presentará a súa tese sobre os "escenarios e alternativas doutra Europa posible", Joan Junyent, membro do Seminario de economía crítica Taifa. O sindicalista uruguaio, Leonardo Batalla, explicará a súa visión sobre os tratados de libre comercio e a súa experiencia en Latinoamérica.
A participación nestas xornadas é gratuíta aínda que se precisa inscrición previa "dado o número limitado de prazas dispoñibles".