Denunciada unha condutora bébeda e sen carné usando un permiso de conducir estranxeiro "de fantasía"
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio denunciou esta semana unha condutora que foi localizada conducindo un coche bébeda e sen permiso de conducir. Cando os axentes lle pediron que se identificara, para ocultar que lle retiraran o carné, usou un documento estranxeiro que, segundo fontes policiais, "ten inicios de ser de fantasía".
Os feitos sucederon o pasado luns 18 de setembro. Os policías recibiron a chamada dun establecemento de Poio que informaba de que nas inmediacións había unha persoa molestando a súa actividade e unha patrulla desprazouse ao lugar.
A Policía local localizou na vía pública unha muller conducindo con claros síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol e, unha vez practicada a proba de alcoholemia, deu resultado positivo de 0,50 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
Os axentes formularon unha denuncia por infracción administrativa por conducir cunha taxa de alcol superior á permitida.
Ademais, comprobaron que tiña o permiso de conducir suspendido por un Xulgado do Penal de Pontevedra e deron conta ao Xulgado de Garda desta situación para a celebración dun xuízo rápido por circular co permiso de conducir suspendido.
Ademais, unha vez comprobado que usaba un permiso de conducir estranxeiro presuntamente falsificado, tamén trasladaron a situación ao Xulgado de Garda, que celebrará un xuízo por unha posible falsificación de documento.
O vehículo quedou inmobilizado ata que unha persoa con carné se fixo cargo del.