O ex xefe da Policía Local pide o cesamento por xubilación de Daniel Macenlle, director xeral que asinou un informe para cesalo
Por Natalia Puga
O ex xefe da Policía Local de Pontevedra, José Manuel Duarte, solicitou por rexistro ao Concello que cese ao actual director xeral de Protección Cidadá, Daniel Macenlle, no seu día tamén máximo responsable policial da cidade. Non pide o cesamento por ningunha actuación en concreto que realizase no seu cargo, senón por permanecer nel, pois considera que en febreiro tiña que xubilarse.
Duarte foi relevado no verán, tras as eleccións municipais de maio, porque regresou o intendente xefe, José Manuel González Abal, que fora xefe da Policía Local e deixábao para ocupar un cargo de confianza como director xeral de Recursos Humanos. Abal cesou no seu cargo de confianza e recuperou o seu posto como responsable policial, de modo que relevou a Duarte.
Ese cesamento de Duarte e nomeamento de Abal está acompañado por un informe de Daniel Macenlle e de aí a petición que agora realiza para que deixe o seu posto porque entende que cando o asinou tería que estar xubilado.
O escrito presentado por rexistro por Duarte solicita a nulidade do acto administrativo que supón o nomeamento de Abal e cesamento de Duarte ao entender que é "nulo de pleno dereito" porque o informe de Macenlle asinouno cando debería estar xubilado e segue traballando polo que entende que é unha "irregularidade" na prórroga.
O escrito entregouno por rexistro o 23 de agosto e a día de hoxe aínda non ten resposta. Critica que a administración municipal "móstrase completamente inactiva" e mantén que o sucedido ten "a suficiente entidade para que a administración actúe con axilidade".
Ademais, entende que, de ter razón na súa denuncia, pode estar a emitir expedientes nulos desde febreiro que poden afectar ao normal funcionamento da cidade, como a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon.
Fuentes oficiais do Concello de Pontevedra confirman que aínda non hai resposta porque a petición está en fase de estudo, pendente dunha serie de informes solicitados. En todo caso, están aínda dentro de prazo para responder, pois teñen ata tres ou seis meses.
O escrito de Duarte sostén que Macenlle cumpriu o 14 de febreiro 65 anos e, para os membros das forzas e corpos de seguridade en termos xerais, a idade de xubilación ou retiro forzoso declárase de oficio ao cumprir os 65 anos de idade, ou os 30 anos cotizados. No seu caso, tamén supera esas tres décadas de cotización, pois suma polo menos 42 na Policía Local. "En consecuencia, o señor Macenlle teríase que xubilar obrigatoriamente o pasado mes de febreiro".
Pide ao Concello que o cese inmediatamente no posto de director xeral de Protección Cidadá e deixe sen efecto o informe emitido que afecta a Duarte.