O primeiro proxecto piloto da comunidade enerxética da Illa de Arousa por fin verá a luz
Por Oskar Viéitez
A Asociación Arousa en Transición é a fórmula Xurídica da Comunidade Enerxética de Arousa, integrada por 72 persoas asociadas e entidades de calado tan importantes como a Confraría de Pescadores, a Organización de Produtores de marisco e cultivos mariños da provincia de Pontevedra (OPP–20), a Agrupación de Mexilloeiros Illa de Arousa, ademais, do propio Concello, cuxa participación foi ratificada en pleno por consenso de todas as forzas políticas.
Moitos meses pasaron dende que Arousa en Transición aceptou a subvención da primeira convocatoria do CE-IMPLEMTA, concedida polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), adscrito ó Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
O programa CE-IMPLEMENTA, enmárcase na compoñente 7 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation da Unión Europea, que identifica as Comunidades Enerxéticas como un actor clave na transición enerxética para a posta en marcha de instalacións vencelladas coa participación social no sector enerxético.
O camiño percorrido dende ese momento non foi doado, xa que foron moitos os obstáculos que tiveron que sortear co paso da teoría á acción. O primeiro a consecución do "anticipo da subvención", a mellor opción foi a de Coop57, cooperativa de servizos financeiros cunha liña de axudas específica para proxectos de beneficio social e comunidades enerxéticas. A fórmula dos chamados "avais mancomunados" permitiulles repartir o compromiso das responsabilidades financeiras entre os promotores, xa que ademais do anticipo, a organización tivo que solicitar un préstamo para adiantar o pago dos investimentos.
O seguinte escollo, foi saber como aplicar a fiscalidade, especialmente o IVE, nas operación realizadas pola Comunidade Enerxética. A propia administración admitía na reunión celebrada con Facenda, que non existía xurisprudencia ó respecto.
Xa na recta final e a piques de instalar os paneis solares, detectouse amianto no tellado da nave onde se ía facer a instalación. Isto foi un duro golpe para a asociación, porque obrigoulles a buscar unha nova localización en tempo récord. A solución atopárona da man do Concello, nas cubertas dunha nave que ten en Testos, pero a concesión precisou dun procedemento administrativo, cuxos prazos retrasaron a execución das obras.
Coas instalacións finalizadas, agora están cos trámites administrativos para xustificar ante o IDAE a subvención e dar de alta tanto os paneis de uso compartido, como o primeiro punto de carga de coches eléctricos do Municipio a carón do Concello.
NECESIDADE DUNHA OFICINA DE ATENCIÓN COMUNITARIA E RECURSOS HUMANOS
Despois da experiencia adquirida neste longo percorrido co proxecto piloto Mar&Luz.1, a Asociación Arousa en Transición ve "indispensable" o apoio institucional para impulsar as Comunidades Enerxéticas, tanto a nivel local como supra municipal.
A grande cantidade de consultas e petición de información que recibiron tanto por parte de persoas individuais, colectivos e entidades para saber como pór en marcha este tipo de iniciativas, avala a necesidade dun punto de atención cidadá, asesorala sobre o terreo e afrontar o reto da posta en marcha de novos proxectos de xeración de grande beneficio social, medioambiental e económico.
Por todo isto, á Asociación Arousa en Transición parécelles "vital" a creación dunha Oficina de Atención Comunitaria, xa que este tipo de proxectos, dada a súa complexidade, non poden sustentarse única e exclusivamente do traballo voluntario das persoas asociadas.
Relacionadas:
-
A pontevedresa María Casero presenta un prototipo de panel solar adaptado aos centros históricos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Viveiro de Barro acollerá unha oficina para fomentar o desenvolvemento de comunidades enerxéticas
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama quere impulsar unha comunidade enerxética e construir un centro comercial
Por Oskar Viéitez |
-
A futura planta de hidróxeno verde de Foresa en Caldas promete traer máis emprego e menos contaminación
Por Redacción |
-
O Pazo e o Recinto queren ser unha 'illa enerxética' e autoabastecerse con renovables
Por Alejandro Espiño |