A Lama quere impulsar unha comunidade enerxética e construir un centro comercial
Por Oskar Viéitez
O tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, e o actual alcalde e membro da candidatura, Jorge Canda, presentaron ante a veciñanza nunha reunión realizada na Casa do Pobo tres proxectos consistentes na creación dunha comunidade enerxética fotovoltaica, a reforma do acceso á Alameda e a construción dun centro comercial municipal ubicado na parte superior do estacionamento.
Canda e Carrera informaron dunha proposta para instalar paneles solares nos tellados dos edificios municipais para xerar enerxía que poida ser introducida na canle de distribución eléctrica e supoña unha redución do recibo da luz tanto para o Concello como para os veciños que decidan participar nesta iniciativa na zona centro da vila.
Outra proposta é a construcción dun Centro Comercial Municipal. Segundo explicaron, "iría colocado sobre columnas na parte superior do estacionamento, que linda coa rúa Pedreira, coa intención de conservar nos baixos os aparcamentos e crear na parte superior unha superficie duns 600 metros cadrados útiles para ser divididos, a demanda, entre aqueles emprendedores que quixeran instalar os seus negocios alí".
Outra das actuacións presentadas ante a veciñanza foi a mellora do acceso á Alameda que permitirá a súa unión coa rúa Igrexa, a un mesmo nivel.