Vilagarcía concéntrase este luns 27 contra o copagamento de medicinas
Por Redacción
Este luns 27 ás 20.00 horas, a Praza de Galicia en Vilagarcía de Arousa acollerá unha concentración organizada polas Plataformas Iniciativa pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública para rexeitar a introdución en Galicia do copagamento por medicamentos de dispensa hospitalaria.
Estes colectivos consideran que esta medida é irracional e inxusta xa que afecta a pacientes con enfermidades graves e que se asocian con molestias complicadas para os pacientes. Segundo os convocantes, a aplicación da medida provocará que estes enfermos crónicos vexan incrementados os seus gastos e alegan que non ten carácter disuasorio nin recadatorio, como afirma a administración. Ademais indican que outras Comunidades Autónomas, algunhas gobernadas polo Partido Popular como Castela-A Mancha, anunciaron que non se vai aplicar ou que o pagamento deses medicamentos correrá a cargo do presuposto público.
Por este motivo, os organizadores queren trasladar á Xunta de Galicia o seu desacordo ante a aceptación desta medida xa que moitos dos afectados por enfermidades crónicas non poderán facer fronte aos pagamentos pola súa vulnerabilidade económica e social.