A Audiencia absolve o veciño de Cerponzóns acusado de ameazar e atentar contra a liberdade sexual da súa veciña
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu a un home acusado de agredir sexualmente á súa veciña e ameazala de morte.
O xuízo celebrouse o pasado xoves 14 de setembro e durante a vista oral o procesado declarouse inocente e tan só admitiu ver á denunciante a tarde dos feitos xunto á súa filla. Sobre a presunta vítima, este home sinalou que "che fai a vida imposible, non só a min, a todos os veciños; e con denuncias", declarou. "Non é unha santa, é mala persoa", dixo.
Pola súa banda, a muller aseguraba que o 28 de xuño de 2022 o acusado tocoulle nas nádegas e a zona vaxinal, agarroulle un peito e díxolle que lle ía a cravar un coitelo "e que ía ir coas tripas arrastro". A filla desta muller confirmou o relato da súa nai sobre o ocorrido, que ela afirmaba presenciar.
O procesado é un veciño da parroquia pontevedresa de Cerponzóns que aquel día era noticia porque a súa vivenda estaba a ser demolida por orde da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Mentres se realizaban as tarefas de derriba, a súa veciña denunciouno por ameazas e abuso sexual e os veciños da parroquia reaccionaron manifestándose durante semanas no seu apoio.
Este venres 22 de setembro fíxose pública a sentenza na que o tribunal asegura no relato de feitos probados que o sospeitoso "mantiña malas relacións coa súa veciña, que deron lugar a múltiples problemas, moitos deles xudicializados".
A Sala sostén que o día 28 de xuño de 2022, a muller acudiu en compañía da súa filla e dun operario para comprobar os danos que se lle causaron ao demoler a vivenda do acusado, levada a cabo como consecuencia dun procedemento administrativo de reposición de legalidade urbanística, pero afirma que non constan acreditados "outros extremos".
Aínda que a declaración da denunciante e da testemuña son proba directa que puidesen avalar o relato acusatorio, estima o Tribunal, que "aínda non cuestionando a súa veracidade, non son suficientes para lograr a convicción que se pretende" pois "non están revestidas da solidez esixible e non son concluíntes", non só tendo en conta das circunstancias que concorren relativas ás malas relacións persoais constatadas entre as partes "que tamén se estenden á testemuña que poderían reflectir a sombra dun móbil espurio".
As maxistradas subliñan que as declaracións do acusado, as testificales e a proba documental achegada, non lles permitiron declarar "de forma inequívoca" que os feitos ocorreron "na forma descrita nos relatos de feitos dos escritos acusatorios", polo que, en aplicación do principio in dubio pro reo, ditaron unha sentenza absolutoria.
Cabe lembrar que a Fiscalía acusaba a este home dun delito contra a liberdade sexual e un delito de vexacións inxustas polos que pedira que fose condenado a un ano e 8 meses de prisión, un ano e oito meses liberdade vixiada e multa de 1.080 euros, ademais dunha orde de afastamento da súa veciña.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a absolución do veciño de Cerponzóns acusado pola súa veciña de tocamentos e ameazas
Por Natalia Puga |
-
A xuízo unha muller por atacar á súa ex parella cun coitelo
Por Redacción |
-
A Fiscalía pide 20 anos de prisión para o acusado de abusar sexualmente dunha menor
Por Oskar Viéitez |
-
Un conflito veciñal en Cerponzóns, ante o tribunal: unha muller denuncia "un sinvivir" e abusos e o acusado que "todo é falso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Veciños de Cerponzóns mostran o seu apoio a Manuel Gallego ante as ruínas da súa casa demolida
Por Natalia Puga |