Un conflito veciñal en Cerponzóns, ante o tribunal: unha muller denuncia "un sinvivir" e abusos e o acusado que "todo é falso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O veciño da parroquia de Cerponzóns Manuel Gallego acaparou titulares durante semanas o ano pasado. A súa vivenda foi demolida en xuño por orde da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Mentres se realizaban as tarefas de derriba, a súa veciña denunciouno por ameazas e abuso sexual. E a continuación, veciños da parroquia manifestáronse durante semanas no seu apoio. Catorce meses e medio despois, volve ser noticia, agora sentado no banco dos acusados.
Este veciño de Leborei sentou no banco acusado por aquela denuncia da súa veciña, que asegura que o 28 de xuño de 2022 el realizoulle tocamentos nas nádegas e a zona vaxinal, agarroulle un peito e díxolle que lle ía cravar un coitelo nas tripas e que ía ir con elas de arrastro.
Gallego está acusado por un delito contra a liberdade sexual e por un delito de vexacións inxustas polos que o fiscal pide que sexa condenado a un ano e 8 meses de prisión, un ano e oito meses liberdade vixiada e multa de 90 días cunha cota diaria de 12 euros (1.080 euros), ademais dunha orde de afastamento da súa suposta vítima e 2 anos de inhabilitación especial para calquera profesión, oficio ou actividades que conleve contacto regular e directo con persoas menores.
O xuízo celebrouse na mañá deste xoves na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra coa declaración do acusado, a denunciante e as fillas de ambos, que manteñen visións totalmente contrapostas do ocorrido.
O acusado sostivo a súa inocencia. "Todo é falso", asegurou ante o tribunal. E lembrou a mala relación previa co seu denunciante por problemas urbanísticos e tamén de convivencia. Ela, segundo asegurou, "faiche a vida imposible, non só a min, a todos os veciños; e con denuncias". Todo foron malas palabras para ela, que "non é unha santa, é mala persoa".
O día dos feitos este home asegura que "non a atopei para nada", estaba na leira situada á beira da casa que lle estaban demolendo e viu como pasaban polos arredores a súa veciña, a súa filla e un traballador.
A denunciante asegura que os feitos ocorreron nunha leira situada a poucos metros da casa dela e del, pero el asegurou que ese día el non tiña as chaves da casa nin dos peches de acceso á mesma porque estaban a demoler a casa, entregou as chaves e cambiáronlle a fechadura. Vivía nun galpón da leira situada xusto debaixo e só podía saír por unha porta situada a uns 40 metros. Tamén insistiu en que ten unha incapacidade e pouca mobilidade como para ir rápido dunha zona á outra.
A vítima ratificou a denuncia inicial, segundo a cal ía coa súa filla pola o zona da fonte cando o viron vir e empezaron a fuxir porque ten "temor" del, pero alcanzounas porque ela corre pouco. "Meteume a man entre as pernas e colleume o peito", relatou. E xusto despois, díxolle: "como te vexa pasar por aquí, vou coller un coitelo e voute raxar que vas ir coas tripas colgando".
Esta muller asegura que a súa vida é "un sinvivir" polas malas relacións con este home, pois "non é o primeiro altercado que tiña con el", senón que "xa non é a primeira vez que o fai, nin a segunda nin a terceira nin a cuarta". Con todo, tan só o denunciou unha vez por este tipo de comportamento e acabou arquivado.
A suposta vítima recoñeceu que ten medo pola súa integridade física. "Como non vou ter, cos antecedentes que ten a familia, tanto o pai como a nai?", asegurou. E insistiu en que non sae soa da súa casa, se non está un traballador que adoita facer tarefas para a súa familia, por medo.
A filla da suposta vítima sinalou que non ten relación ningunha co seu veciño, "o único que temos é moitísimo medo". E confirmou o relato da súa nai sobre o ocorrido, que ela presenciou. "Pensei que nos ía a matar", engadiu.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a absolución do veciño de Cerponzóns acusado pola súa veciña de tocamentos e ameazas
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia absolve o veciño de Cerponzóns acusado de ameazar e atentar contra a liberdade sexual da súa veciña
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Cerponzóns mostran o seu apoio a Manuel Gallego ante as ruínas da súa casa demolida
Por Natalia Puga |
-
Cerponzóns envórcase con Manuel Gallego, sen casa e denunciado: "nunca causou problemas con ningún veciño"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Manuel Gallego, denunciado por ameazas e abuso sexual a unha veciña, deféndese: "Eu non fun, inventouno"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Detido o dono dunha casa derrubada en Leborei por ameazas e abuso sexual a unha veciña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada