O goberno local e a oposición fan balance dos primeiros 100 días de mandato
Por Oskar Viéitez
O novo Goberno local de Poio fai balance dos primeiros cen días de mandato cun "goberno único, cohesionado e que está centrado exclusivamente no importante, que é atender e responder ás necesidades e prioridades de todos os nosos veciños", segundo sinalou o alcalde Ángel Moldes.
Un goberno que, indica, "a pesar da difícil herdanza económica que recibiu, en tres meses desbloqueou e puxo en marcha medidas e iniciativas importantes e necesarias, pero tamén está convertendo ao concello nunha administración máis próxima, áxil e dialogante".
Así, valora moi positivamente o traballo de todos os concelleiros e repasou algunas das medidas postas en marcha nestes primeiros cen días, como dar os primeiros pasos para converter a Gardería de Campelo nun Centro de Día, asinouse un acordo coas confrarías para aumentar as prazas de aparcamento no Porto de Combarro, e tamén se desatascou o proxecto para crear máis de 150 prazas na finca de Coca-Cola.
Moldes destacou os compromisos acadados coa Xunta para a posta en valor da Illa de Tambo e a conversión da Escola de Canteiros de Poio nun centro integral de formación profesional.
Ademais, sinala que "nun exercicio de responsabilidade", están tomando medidas para pagar as facturas pendentes e puxeron en marcha un "plan de choque para desbloquear os máis de 600 expedientes urbanísticos que estaban sen resolver en xuño", así como para axilizar e desbloquear outros expedientes municipais, como por exemplo a autorización de vados permanentes ou de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
Moldes citou o proxecto para rehabilitar o Centro Social de Arén onde "os fondos europeos estaban en risco, porque non había partida orzamentaria para facer fronte á parte que tiña que asumir o concello e porque, ademais, se estaban incumprindo todos os prazos". E, ademais, engade que tamén evitaron perder a subvención da reforma en Ramón Encinas.
VALORACIÓN DO BNG
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG fai resumo destes cen días dicindo que hai "menos servizos para os veciños e máis beneficios para o PP". "Un tempo que ven marcado polas continuas mentiras e incoherencias", engaden.
Dende a oposición acusan ao executivo de levar "a peor a xestión do Concello dende que o Partido Popular chegou á Alcaldía".
Aseguran que "estamos ante o goberno máis caro da historia do noso concello, subíronse os salarios, aumentaron o número de asistencias a Xuntas de Goberno e non deixaron de contratar unha asesora a tempo completo".
Os nacionalistas fan fincapé en que "o PP no ten proxecto para Poio e mentiu aos veciños reiteradamente", e engade que "non puxeron en marcha ningunha das medidas anunciadas" e que "responden con negativa a calquera demanda veciñal co argumento de que as arcas están baleiras".
Por último, o BNG resalta que as previsión de intervención apuntan que o Concello de Poio cumprira coa estabilidade financeira neste 2023, "inclusive poderían facer unha nova operación de crédito para o 2024" uns datos que "están moi lonxe da bancarrota que transmitiu o PP".
Relacionadas:
-
A antiga gardería de Campelo xa é de propiedade municipal
Por Redacción |
-
Preparan tres novos aparcamentos disuasorios en San Salvador para preto de 200 turismos
Por Redacción |
-
O Pleno de Poio aproba solicitar un préstamo para pagar facturas pendentes e para comprar a gardería de Campelo
Por Redacción |
-
Luz verde á licenza de construción para 27 vivendas unifamiliares en Boa Vista
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG considera "sexista e inapropiado" o cartel de San Migheleiro
Por Oskar Viéitez |
-
Poio busca coñecer mellor aos peregrinos para seguir ‘no Bo Camiño’
Por Redacción |
-
As 15 escolas deportivas do Concello de Poio abriron o prazo para anotarse
Por Redacción |