Correos abrirá unha nova oficina ao público anexa ao edificio administrativo da Xunta en Campolongo
Por Redacción
A Dirección de Correos ten previsto abrir unha nova oficina de atención ao público en Pontevedra, que estaría situada nun local anexo ao edificio administrativo que a Xunta de Galicia ten na urbanización de Campolongo. O inicio da actividade desenvolveríase a partir de que os técnicos do Concello concedan a licenza de apertura.
Esta oficina, segundo sinala o sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.), atenderá o servizo de admisión e entrega de envíos postais e parapostais (BanCorreos, pagamento de recibos, WesterUnión, telefonía móbil e outras actividades similares). Estará aberta a toda a cidadanía e, concretamente, atenderá a entrega de envíos en oficina que non puidesen ser entregados ao seu destinatario polos carteiros na repartición do Distrito 3, que engloba a urbanización de Campolongo.
Dende o sindicato alertan, non obstante, que a Dirección de Correos non ten previsto realizar novas contratacións para este centro senón que trasladará persoal das oficinas da Oliva e de Bueu. En concreto, estaría previsto que neste novo servizo se establecesen dous postos de Atención ao Cliente, un de xornada completa e outro de xornada reducida, así como un posto de Director de oficina. O horario da oficina sería de 8:30 a 18:30 horas, dúas horas menos que outros servizos de Pontevedra.
A central sindical reclama a contratación de novo persoal e que a oficina conte co mesmo horario de atención ao publico que o resto de centros. E alertan de que o traslado de traballadores do local da Oliva supoñería "desvestir el servicio de la Oficina Principal con buenos índices de calidad y atención".