A humanización de Pedreiras de Abaixo atrasarase ata o primeiro semestre de 2024
Por Redacción
A suba dos prezos e os problemas de subministración de materiais están detrás do atraso que sufren as obras de humanización da zona de Pedreiras de Abaixo.
Esta actuación terá que ser revisada e licitada de novo. O Concello agarda que os traballos poidan executarse ao longo do primeiro semestre de 2024.
Así o explicaron os concelleiros Pablo Novas e Marián Sanmartín, que mantiveron unha xuntanza cos veciños desta zona de Marín para trasladarlles todos os detalles desta problemática.
A obra saíu a licitación no seu día por 237.695,55 euros, pero a única empresa que se presentou para levar adiante a obra renunciou antes de firmar o contrato porque os prezos do proxecto correspondíanse co ano 2020, cando se redactou.
Por iso, neste momento o goberno local está adaptando o proxecto á realidade actual dos prezos do mercado. Unha vez estea listo o novo orzamento preciso, procederán a licitalo de novo.
A financiación dos traballos volverá ser a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Tal e como xa se actuou na primeira fase, que beneficiou a Pedreiras de Arriba, agora volverase actuar de forma integral, renovando todos os servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público e mellorando a pavimentación e os estándares de accesibilidade.